Nestes días, e de modo recorrente desde hai anos, o leite está de actualidade polos protestos d@s gandeir@s a causa dos baixos prezos que as empresas transformadoras lles pagan. Qué debemos ter a conta para un consumo responsábel de leite? Son muitos os elementos en xogo, sociais, ambientais, económicos, políticos...: a PAC (Política Agraria Común), o modo de produción, a transformación, a comercialización, os prezos, os resíduos, o ben-estar animal... e a nosa nutrición.
Os nosos gobernantes promoven un modo de produción de leite industrial, intensivo, concentrado en cada vez menos explotacións e máis grandes, que alimenta vacas con pensos transxénicos e as espreme todo o que pode durante os poucos anos que se consideran úteis... A importación de leite e leite en pó, xunto coa imposibilidade de retención de leite por parte d@s gandeir@s coloca ás empresas transformadoras nunha posición vantaxosa que lles permete pagar prezos mui baixos, que mesmo nen cobren os custes de produción. Para alén disto, o leite é un produto utilizado como reclamo polos supermercados e grandes superficies, que o chegan a vender por baixo do seu custe (aínda que isto sexa ilegal).
O único leite industrial galego dunha empresa de capital galego que podemos atopar hoxe no mercado é o de Feiraco, pero non comercializa leite fresco e nen polo modo de produción nen polos envases que utiliza é a opción máis responsábel. O único leite fresco ("local" e máis saudábel que o UHT) industrial que se comercializa en Galiza é o de Leyma (en botella de plástico), que pertence a Leite Río, empresa de capital galego denunciada por importar leite francés. Afortunadamente temos outras alternativas no país que cumpre apoiar e que sería desexábel que fosen imitadas por outr@s gandeir@s que aínda producen de modo industrial: Arqueixal, A Cernada e O Alle producen e comercializan leite fresco ecolóxico en botellas de vidro retornábel.
O leite ecolóxico local en envases retornábeis comercializado á marxe das grandes superficies é a opción social e ambientalmente máis responsábel: é máis beneficioso e seguro para @s produtoræs; favorece a existencia dun rural vivo; evita a concentración da nosa alimentación nas maos dunhas poucas transnacionais; promove outro tipo de gandaría máis beneficioso ambiental e socialmente, dunha perspectiva local e global, e no que as vacas viven mellor; é máis nutritivo e saudábel... e contribúe para construír soberanía alimentar.
O leite tamén son os seus derivados, cumpre non o esquecer. Arqueixal tamén elabora queixo, e esta e A Cernada fan iogurte natural que comercializan tamén en envase de vidro retornábel. Outra opción en iogurtes galegos de produción ecolóxica, ainda que a outra escala e cunha filosofía máis convencional, é Casa Grande de Xanceda.
Se queres unha maior e máis completa información para o consumo responsábel de leite tés varios números da revista Opcións disponíbeis na rede: o número 4 (Xullo-Setembro de 2002) dedicouno ao leite e podes aceder á información no mesmo web ou en formato .pdf; o número 16 (Xuño-Agosto de 2005) centrouno no iogurte; e no número 21 (Decembro de 2006 - Febreiro de 2007) tés un resumo seguindo a "estrutura de pontos quentes" nas páxinas 12 e 13. Por último, tamén podes ver a curta documental "Tres historias y un vaso de leche".





