The Meatrix é unha iniciativa de Sustainable Table e Free Range Studios para denunciar os impactos ambientais e sociais da produción agroindustrial de alimentos de orixe animal e defender a agroecoloxía. A campaña comezou en 2003 coa edición dunha curta de animación flash na que, parodiando The Matrix, informan das consecuencias da gandaria industrial: crueldade animal, resistencia a antibióticos, polución masiva e comunidades destruídas. Desde aquela foron realizadas dúas secuelas, The Meatrix II: Revolting (dedicada á produción de leite e centrada no abuso de antibióticos, o uso da hormona do crescimento nos EUA e o mal das vacas tolas) e The Meatrix II 1/2 (que denuncia as condicións de traballo perigosas na industria transformadora de carne e a presenza de bacterias fecais nesta). O web de The Meatrix ten tamén unha imaxe interactiva de 360º através da cal obter máis información. As curtametraxes están dobradas e/ou subtituladas en máis de trinta idiomas.




