Foi unha despedida triste pero inevitable. O pleno municipal de agosto acordou declararlle a guerra aos transxénicos, e a primeira medida visible chegou coa volta ao cole. Os nenos do comedor escolar xa non volverán tomar "galletas Chiquilín, nin pan Bimbo, nin froitos secos Borges, nin o millo en gran que antes se servía coas ensaladas". E os que teñan intolerancia ao leite de vaca seguirán bebendo a de soia, pero "só" se os pais da criatura deciden arriscarse. Isabel Pereiro, concelleira de Educación no Concello de Ames (A Coruña), coñécese de corrida a "lista vermella" dos transxénicos. En realidade, di, desde o pleno de agosto, na corporación municipal "todos andan preocupados. Todos intentan non levar a casa certas marcas cando van á compra".





