
Outros 40 millóns de persoas víronse empurradas á fame este ano sobre todo debido aos prezos alimentares máis altos, segundo as estimacións preliminares publicadas pola FAO hoxe. Isto eleva o número total de persoas desnutridas a 963 millóns, fronte aos 923 millóns de 2007. A crise financeira e económica en curso podería botar aínda máis xente á fame e a pobreza, adverte a FAO.
"Os prezos dos alimentos no mundo caíron desde comezos de 2008, mais os prezos baixos non terminaron coa crise alimentar en moitos países pobres," dixo Hafez Ghanem, Director Xeral Asistente da FAO na presentación da nova edición do Informe da FAO sobre a fame O estado da inseguridade alimentar no mundo 2008.
"Para millóns de persoas en países en vías de desenvolvemento, comer a cantidade mínima de alimento cada día para vivir unha vida activa xa é un soño distante. Os problemas estruturais da fame, como a carencia de aceso á terra, ao crédito e ao emprego, combinados con altos prezos dos alimentos seguen a ser unha realidade calamitosa”
Os prezos de certos cereais caíron perto do 50% pero seguen a ser moi altos comparado cos anos anteriores. A pesar da súa acusada baixa en meses recentes, o índice de prezos de alimentos da FAO seguía a ser un 28% máis alto en Outubro de 2008 que en Outubro de 2006. Cos prezos para as sementes e os fertilizantes (e outros elementos) máis que dobrados desde 2006, a poboación labrega pobre non podeá aumentar a produción. Pero os máis ricos, particularmente en países desenvolvidos, poderían producir cos custos máis altos da entrada e ampliar plantacións. Consecuentemente, a produción do cereal en países desenvolvidos subirá probablemente un 10 % en 2008 mentres que en países en vías de desenvolvemento pode non exceder o 1%.
"Se os prezos baixos e a diminución do crédito asociado coa intensidade da crise económica forzan aos granxeiros a plantar menos alimentos, outra suba dramática dos prezos alimentares podería se dar o vindeiro ano” engadiu Ghanem. "O obxectivo da Cimeira Mundial da Alimentación de 1996 (CMA), reducir o número de persoas famentas á metade antes de 2015, requere unha decidida actuación política e fortes investimentos de cando menos 30 mil millóns $/ano para a agricultura e a protección social dos pobres".
Onde vive a fame
A maioría das persoas desnutridas -907 millóns- viven en países en vías de desenvolvemento, segundo os dados de 2007 divulgados pola FAO. Destas, o 65% vive en sete países: a India, China, a República Democrática de Congo, Bangladesh, Indonesia, Paquistán e Etiopía. O progreso nestes países coas poboacións máis grandes tería un impacto importante na redución global da fame.
Cunha poboación moi grande e un progreso relativamente lento na redución da fame, case que dous terzos do mundo famento vive en Asia (583 millóns de 2007). No lado positivo, algúns países en Asia suroriental como Tailandia e Vietnam fixeron bon progreso para atinxir o obxectivo da CMA, mentres que Asia do Sul e Asia central sufriron reveses na redución da fame.
Na África subsahariana, unha de cada tres persoas -ou 236 millóns (2007)- ten fame crónica, a proporción máis elevada de persoas desnutridas sobre a poboación total, segundo o informe. O maior aumento no número de persoas desnutridas ocorrido nun só país é na República Democrática do Congo, como resultado do conflito extenso e persistente, desde 11 millóns até 43 millóns (en 2003-05) e a proporción subiu un 76%.
De calquera xeito, a África subsahariana fixo un certo progreso na redución da proporción de xente que sufría de fame crónica, baixando do 34 (1995-97) ao 30% (2003-2005). Ghana, Congo, Nixeria, Mozambique e Malawi alcanzaron as reducións máis marcadas da proporción de desnutrición. Ghana é o único país que alcanzou o obxectivo da redución da fame da CMA e os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. O crecemento na produción agrícola foi determinante neste éxito.
América Latina e o Caribe eran os máis acertados na redución da fame antes da suba de prezos dos alimentos. Os altos prezos alimentares aumentaron o número da xente famenta na rexión a 51 millóns en 2007.
Os países no Próximo Oriente e Norte de África experimentan xeralmente os niveis máis baixos da desnutrición no mundo. Pero os conflitos (en Afganistán e Iraq) e os altos prezos dos alimentos empurraron os números para arriba a partir de 15 millóns en 1990-92 a 37 millóns de 2007.
Case fora do alcance
Algúns países estaban ben encamiñados para atinxir o obxectivo da CMA, antes da elevación repentina dos prezos pero "até estes países poden ter sufrido reveses por mor dos altos prezos alimentares. A crise afectou principalmente aos máis pobres, sen terra e aos fogares encabezados por mulleres" afirmou Ghanem. "Requirirá -engadiu- un esforzo global enorme e decidido e accións concretas para reducir o número de persoas famentas en 500 millóns antes de 2015".
Traducido de Fao





