Do 13 ao 19 de Abril organizacións e colectivos de todo o Estado promoven unha semana de acción contra os transxénicos para amosar o rexeitamento da cidadanía á introdución de organismos modificados xeneticamente na nosa agricultura e alimentación. Esta semana culminará cunha manifestación estatal Sábado 18 de Abril en Zaragoza, para a que sairán buses desde Galiza.
Transxénicos: Organismos criados artificialmente en laboratorio, ao introducir xenes dunhas especie noutras. Así se obteñen seres vivos que non existirían de forma natural. É un experimento a grande escala cunha tecnoloxía chea de efectos imprevistos e non desexados.
Ameazan a nosa saúde: Falta investigación para coñecer todos os danos que poden ocasionar, polo que algúns cultivos autorizados foron prohibidos posteriormente. Provocan novas alerxias e resistencia a antibióticos. Varios estudos demostran problemas de fertilidade e toxicidade en riles e fígado.
Deterioran o ambiente e a vida silvestre: Máis do 80% dos cultivos transxénicos son tolerantes a herbicidas, polo que se incrementa o seu uso. O resto son plantas con propiedades insecticidas que tamén afectan á fauna beneficiosa.
Producen contaminación xenética. Os carácteres transxénicos contaminan outros cultivos tradicionais ou ecolóxicos, destruíndo a agricultura familiar. A coexistencia non é posíbel.
Non solucionan a fame no mundo, agrávana: Só catro empresas biotecnolóxicas controlan o 90% do mercado dos transxénicos. Os agricultores/as non poden gardar as súas sementes e perden a súa autonomía e liberdade. Estas empresas venden a semente e o produto químico asociado, todo lles pertence.
Democracia alimentar: Consumidores e agricultores/as temos o dereito e a responsabilidade de coñecer e decidir como e onde se producen os nosos alimentos e reconstruír os vínculos entre o campo e a cidade.
En Aragón atópase a maior superficie de transxénicos de toda a Unión Europea. Moitos países prohibíronos, pero España segue facilitando a súa expansión
Máis información:
http://noquierotransgenicos.wordpress.com/
http://www.galizasentransxenicos.org/





