Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Tuesday
Feb 09th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Guía de Consumo Responsábel

Guía de Consumo Responsábel

O que estás a ler é a Guia de Consumo Responsábel de Consomes ou Devoras? Non pretende ser exaustiva e minuciosa, senón máis ben introdutoria e xenérica. Con esta guía Verdegaia procura contribuír a dar a coñecer o consumo responsábel e ofrecer uns criterios xerais cos que se orientar neste. A guía compleméntase con este sitio web con maior información e continuamente actualizado. Podes descargala en formato pdf ou consultala nesta sección.

Porqué esta guía?


  • borntoconsumeSomos máis de 6.500 millóns de seres humanos a habitar o planeta, e non estamos sós: existen decenas de millóns de especies na Terra.
  • Unha pequena parte da humanidade controla a grande maioría dos recursos do planeta.
  • A degradación ambiental avanza, tamén a inxustiza social. E ambas están relacionadas.
  • Levamos ao planeta a unha situación extrema. Estamos a vivir unha crise ecolóxica global.
  • Non tod@s temos a mesma responsabilidade, non tod@s estamos a padecer as consecuencias por igual.
  • Estamos a devorar o planeta e o futuro, e facémolo case que sen nos decatar.
  • Con pequenos actos, aparentemente insignificantes, construimos e reforzamos un mundo de destrución ambiental e inxustiza social.
  • O noso modo de consumir ten consecuencias.


Consumo Responsábel?

maletasConsumir, no seu sentido máis amplo, é inevitábel. Para vivir temos que consumir, pero non hai un único modo de o facer, e as consecuencias tampouco son as mesmas. Podemos consumir con responsabilidade, mais en que consiste o Consumo Responsábel?

Tal e como Verdegaia o entende, o Consumo Responsábel debe ser xerador de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social. Xa que logo:

  • Non Consumista
  • Local ou o máis achegado posíbel
  • Coa mínima cantidade de intermediarios posíbel
  • De produción biolóxica
  • De comercio xusto
  • Non xerador de residuos (ou que os minimice)
  • Libre de tóxicos
  • Eficiente no uso de enerxía e materiais
  • Favorecedor do pequeno comercio


Consumismo?

O consumismo non ten nada a ver co feito de consumir bens ou servizos máis ou menos caros. Ser consumista non supón necesariamente gastar moito diñeiro, senón consumir en exceso, ao prezo que sexa, e sexa o produto que for.

A Mochila Ecolóxica é a cantidade de materiais e recursos utilizados durante todo o ciclo de vida dun ben

Todo o que consumimos ten o seu impacto ambiental e social. Hai impactos inevitábeis, mais tamén os hai perfectamente evitábeis. Consumindo en exceso desbaldimos recursos e causamos danos innecesarios.

Lembra que o prezo dun ben ou servizo non adoita ser directamente proporcional ao seu impacto. Que para nós supoña un pequeno desembolso, ou mesmo que sexa de balde, non implica, por exemplo, que a súa mochila ecolóxica sexa igual de lixeira.

 


Residuo Cero

bolsas_lixoCada día xeramos, nas nosas casas, arredor dun quilo de lixo por persoa. Entre 1998 e 2003 aumentamos nun 23% a nosa produción de Residuos Sólidos Urbanos (RSU). A maior parte deste lixo é incinerado.

Consideramos lixo aquelas cousas que non nos valen para nada. Mais, realmente non nos vale todo o que tiramos? Inda que non nos valla a nós, non terá a súa utilidade? Se realmente non o necesitabamos, por que o adquirimos?

O dos residuos é un problema cada vez maior, e a solución pasa polos tan mencionados como pouco practicados 3R:

  • Reducir

O primeiro e máis importante para atinxir a non xeración de residuos é reducir o consumo daquelas cousas que non necesitamos. Se non as adquirimos non nos teremos que desfacer delas.

  • Reutilizar

Hai cousas que non temos máis remedio que comprar, pero non necesariamente as temos que tirar, podémolas reutilizar. Reutilizando reducimos os nosos residuos, e tamén o noso consumo. A nosa capacidade para reutilizar será maior canto maior sexa a nosa imaxinación e habilidade, mais con todo hai moitas cousas que podemos reutilizar sen facer un especial esforzo. Reutilizar é tamén reparar, remendar, restaurar... O vidro retornábel, cada vez máis escaso, é tamén un modo de reutilización.

  • Reciclar

Hai cousas que non podemos evitar consumir e que non podemos reutilizar. Quédanos entón a reciclaxe, a última oportunidade de lograr o Residuo Cero. Non sempre podemos ser nós quen reciclemos, así que en moitas ocasións o que teremos que facer é separar correctamente os residuos para que despois podan ser reciclados. Reciclando evitamos a extracción da Terra de máis materias primas.

E como podemos aplicar isto aos diferentes produtos que consumimos? Vexamos algúns exemplos:

  • Alimentos

Reduciremos comprando o que necesitamos, non comendo cos ollos. Así evitaremos ter que tirar alimentos mesmo sen os ter probado.

Sabes que é o coltan?

A columbita-tantalita (coltan) é un mineral empregado na elaboración de compoñentes electrónicos avanzados e, xa que logo, imprescindíbel para os nosos telefones móbeis e computadores, por exemplo.

O 80% das reservas mundiais deste mineral estratéxico están na República Democrática do Congo onde é extraido baixo durísimas condicións laborais e con graves impactos ambientais (os principais xacigos atópanse en áreas habitadas por gorilas de montaña).

A explotación do coltan está relacionada co financiamento e motivacións das guerras na rexión dos Grandes Lagos Africanos.

Reutilizaremos non tirando o que nos sobrou, senón deixándoo para outra comida, utilizándoo para elaborar outro prato (as croquetas, por exemplo, sempre se fixeron con sobras), ou dándollo a outros animais (ca

ns, gatos, galiñas, porcos...).

Reciclaremos compostando os restos orgánicos, que son aproximadamente a metade dos nosos RSU (en peso, non en volume). A compostaxe e a vermicompostaxe son técnicas de reciclaxe de materia orgánica moi sinxelas que podemos facer na nosa casa, obtendo un abono de alta cualidade. Tamén existen sistemas de compostaxe industrial nalgunhas comarcas de Galiza.

  • Envases, embalaxes e envoltorios

Reduciremos consumindo os mínimos envases posíbeis: comprando as cousas menos empaquetadas, evitando utilizar bolsas de plástico dun só uso...

Reutilizaremos escollendo envases que despois podamos usar de novo (vidro retornábel, recipientes que se poden usar como vaso ou fiambreira, frascos de cristal...).

Axudaremos a reciclar se optamos por consumir aqueles envases máis facilmente reciclábeis: cartón e papel, vidro e latas (que non sexan de aluminio), e se os depositamos no lugar que lles corresponde.

  • Produtos electrónicos

O lixo electrónico é un problema cada vez maior. O mercado de aparellos electrónicos está nunha continua renovación e convida a un consumismo con gravísimos impactos ambientais e sociais.

Reduce o teu consumo deste tipo de aparellos, non tés por que ter sempre a última versión do último modelo de móbil, reprodutor mp3, video-consola ou computador, non demorará en saír unha nova.

Reutiliza reparando o aparello cando se estropee, aproveitando pezas, tirándolle todo o proveito posíbel.

Axuda a que se recicle levándoo a un Punto Limpo ou a un estabelecemento axeitado para o seu tratamento.

 


Auga para tod@s

billaA auga doce é indispensábel para a vida, e moi escasa. Máis escasa aínda é a auga potábel. Non só os seres humanos precisamos da auga, todos os seres vivos a necesitan e a súa presenza, en maiores ou menores cantidades, cunhas ou outras características, é rasgo fundamental de moitos ecosistemas.

A auga que utilizamos é tomada de ríos, lagos, encoros ou acuíferos. Potabilizala e transportala supón un forte consumo enerxético, depurala tamén implica un grande esforzo. En Galiza consumimos auga en exceso, desbaldímola e xustificámonos coa falsa escusa de que neste país temos auga de sobra. E por se isto nos parecía pouco, ademais non a depuramos ou o facemos deficientemente.

O dato

15 litros de auga é o mínimo necesario por persoa e día nun campo de refuxiad@s (Proxecto Esfera). Unha cisterna de W.C. ten entre 6 e 12 l.

Podes cociñar, beber, lavarte, regar as plantas... sen desbaldir auga, usándoa coa responsabilidade que require algo tan importante para a vida no planeta. Xa sabes:

  • Coloca atomizadores nas billas, ábreas co caudal que precisas e non deixes a auga correr innecesariamente

  • Dúchate no lugar de te bañar

  • Non baleires a cisterna do W.C. se non é necesario

  • Reutilización a auga: de lavar verduras para regar plantas, de cocer determinados alimentos para facer caldos cos que preparar outros...



Enerxía mínima

enchufeConsumimos demasiada enerxía, cada vez máis. É habitual escoitar no noso país que exportamos enerxía, mais isto non é certo: exportamos electricidade, pero importamos enerxía, mesmo para xerar esa electricidade que exportamos. Somos importadores de petróleo, gas natural e carbón, como tamén de cereais e aceites para a elaboración de agrocombustíbeis.

O noso consumo enerxético vai acompañado de fortísimos impactos ambientais e sociais: deforestación; contaminación do ar, a auga e a terra; marés negras; destrución de ecosistemas; desprazamentos de poboacións rurais e pobos indíxenas; emisións causantes de mudanza do clima...

A mellor enerxía é a que non se xera, e para iso debemos reducir o noso consumo enerxético. Cinxíndonos ao consumo no fogar, por exemplo:

  • Non acendas luces e aparellos innecesariamente

  • Fai un uso eficiente. Aproveita o calor residual no forno, a cociña, o ferro...

  • O que podas facer sen electricidade non o fagas con ela: realmente son necesarios cepillos de dentes, coitelos, abrelatas, exprimidores, pesas... eléctricos?

  • Sabías que . . .

    Galiza aumentou as súas emisións de gases causantes de mudanza do clima nun 20,5% entre 1990 e 2006, case o dobre do límite de aumento establecido para o conxunto do Estado polo Protocolo de Quioto?

    Substitúe as túas lámpadas por outras de baixo consumo

  • Se tés que mercar un electrodoméstico novo escolle un da máxima eficiencia enerxética

  • Evita o consumo oculto: Desliga completamente os aparellos eléctricos, podes utilizar unha regreta con interruptor para isto.

  • Non abuses da calefacción e o ar acondicionado

  • Infórmate sobre a instalación de paneis solares e micro aeroxeradores, talvez sexan unha alternativa factíbel para ti.



Facer con menos

balanzaTodo o que consumimos require o emprego duns materiais e enerxía, e a xeración dun residuos. Por iso debemos valorar se temos realmente a necesidade de adquirir algo, mais tamén, no caso de que decidamos consumir, avaliar se podemos cubrir esa necesidade empregando menos recursos, con maior eficiencia, e xerando menos residuos (tendo en conta todo o ciclo de vida do ben ou servizo).

Ao enfrontármonos á decisión de adquirir un obxecto cumpre avaliar os materiais que o compoñen, se é reciclado ou reciclábel, onde se fixo, a embalaxe, o consumo o consumo enerxético necesario para a súa elaboración e uso, a súa durabilidade . . .

Respostando a estas preguntas teremos máis elementos de xuizo para tomarmos unha decisión responsábel a respeito do
noso consumo.

 


Libre de Tóxicos

toxicosVivimos rodeados de substancias tóxicas, no noso sangue temos unha media de 43. No mercado hai unhas 100.000 substancias químicas de síntese. A maioría non se sabe se son seguras.

Estamos en contacto con moitos máis tóxicos dos que podemos identificar por pictogramas como estes.

  • Evita o uso de produtos tóxicos, non os mercando e substituíndoos por outros non-tóxicos.

  • Evita os produtos sintéticos en xeral.

  • Se tés que te desfacer dun produto tóxico ou perigoso faino nun Punto Limpo.

Os C.O.P.

Os Contaminantes Orgánicos Persistentes (COP) son substancias tóxicas bioacumulativas que se introducen na cadea trófica, non se degradan de forma natural e actúan como disruptores endocrinos, ou o que é o mesmo, interferen coas hormonas provocando malformacións, esterilidade, partos prematuros, abortos,cancro, . . .

-


Rural Vivo, Barrios tamén

arboreQué consumimos ou non ten consecuencias, onde o facemos tamén.

Consumindo produtos locais ou o máis achegados posíbel e de tempada reduciremos o noso impacto ambiental (ao minimizarmos o transporte e o consumo de petróleo), manterémonos máis preto dos ciclos da Terra, melloraremos a economía do noso contorno... e, se aliás os produtos son de pequen@s produtoræs, faremos posíbel que exista un rural vivo.

O noso rural non é o único, e non todo o que consumimos é posíbel producilo localmente. Hai algúns bens que necesariamente temos que importar, pero poden ser producidos e comercializados de formas moi diferentes. Consumindo produtos de Comercio Xusto favorecemos a pequen@s produtoræs de países empobrecidos organizados en cooperativas, e practicamos unha forma de comercio na que a ética ten un papel central.

A Soberanía Alimentar

A Soberanía Alimentar é o direito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu di decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo

Consumindo no pequeno comercio evitaremos desprazamentos motorizados, reforzaremos o tecido económico e social do noso barrio e favoreceremos aos/ás pequen@s produtoræs, xa que as grandes superficies abusan da súa posición privilexiada como grandes compradoras que son.

  • Sempre que podas consume produtos locais e de tempada, e faino no pequeno comercio.

  • Faite socio dunha cooperativa de consumo ou impulsa a constitución dunha na túa poboación

Calendario de productos de horta

calendario



Son seres vivos, non cousas

canceiraNun mundo como o noso, no que todo está á venda -ou así se pretende que sexa-, é fácil cousificar todo. Chegamos a obxectualizar ás persoas, así que non sorprende que cousifiquemos tamén aos demais seres vivos.

Na nosa vida cotián coexistimos con muitos outros seres vivos, humanos e non-humanos, mais non sempre convivimos con eles. Podemos convivir, pero para iso cumpre respectar. Ningún ser vivo é un obxecto para o noso desfruncir.

Convivir con animais non-humanos no noso fogar pode ser moi gratificante -mesmo existen terapias baseadas no contacto con determinados animais, sexan ou non mascotas-, pero exixe responsabilidade, compromiso, dedicación e respeito. Unha mascota é un compañeiro, mesmo un membro máis da familia, non un obxecto de usar e tirar.

  • Antes de decidir ter unha mascota pensa ben no que implica e se o podes asumir.

  • Mercar non é a única posibilidade, lembra que tamén podes adoptar nun refuxio de animais.

  • Salvo que poda servir para cría ou teñas moi claro que queres ter unha camada, o mellor que podes facer co teu can, cadela, gato ou gata é esterilizal@.

  • Ese animaliño tan riquiño vai medrar, e ao mellor xa non che parece tan bonito: hai cans grandes de máis para ter nun apartamento, por exemplo; e caimáns, pitóns, iguanas, baranos e demais mascotas absurdas transformaranse nun problema para ti ao se faceren adultos.

  • Evita as especies exóticas, animais e vexetais, pódense comportar como invasoras nos ecosistemas que nos rodean. Aí temos os casos da cotorra arxentina, a tartaruga de Florida, a erva da pampa, a erva do coitelo... saídas das nosas casas e xardíns.

  • Non participes en espectáculos crueis cos animais, o sufrimento alleo non é nin cultura nin diversión.



Comer sen devorar o planeta

comidaComemos para nos nutrir, para gozar, mesmo convertemos o comer nun acto social, e podémolo facer devorando o planeta ou non, depende das nosas escollas

  • Foxe dos produtos industriais e de importación. Escolle sempre que podas os produtos locais, de tempada, biolóxicos e de pequenos produtores. Para produtos de importación escolle o Comercio Xusto.

  • Diminúe o teu consumo de carne e peixe. A gandaría, pesca e acuicultura industriais provocan grandes impactos ambientais e sociais, locais e globais. Se decides comer carne ou peixe faino moderadamente e escolle os produtos da pesca artesanal e da gandaría extensiva, biolóxica, de animais sacrificados co mínimo sufrimento posíbel.

  • Non consumas transxénicos, a súa produción ten fortísimos impactos ambientais e sociais e mesmo poderían ser prexudiciais para a túa saúde.

  • Evita os precociñados: son máis caros e xeran máis residuos

  • Evita os "alimentos funcionais", unha alimentación variada baseada en produtos de calidade como os biolóxicos aportaranche todos os nutrientes que necesitas.

A Soxa

Un dos mellores exemplos da destrución ligada á agroindustria é a soxa: monocultivos transxénicos cargados de agrotóxicos e intensivos en mecanización; expulsión de labreg@s e indíxenas; deforestación; erosión da soberanía alimentar... para exportar con todo tipo de fins: alimentación de gando, aceite, "leite", alimentos funcionais, agrocombustíbeis...

-


Vestirse sen devorar o planeta

roupaConsumimos roupa en cantidades indecentes. Se pola industria téxtil fose renovariamos o noso roupeiro por completo dúas veces ao ano, e haberá quen o faga. A roupa estase a converter case que nun ben de usar e tirar.

Consumimos grandes cantidades de prendas de vestir fabricadas habitualmente cunhas condicións laborais lamentábeis, moitas veces en países afastados. Por barata que poda ser unha prenda, ten un impacto ambiental, polos materiais utilizados, polo proceso de fabricación e polo seu transporte... e, para nós, non demora en se converter en lixo por supostamente xa non estar "á moda".

  • Consome a roupa que realmente necesites

  • Escolle prendas de calidade, que duren

  • Evita as fibras sintéticas, escolle fibras naturais (algodón, lá, liño, cáñamo...)

  • Foxe de prendas que esixan lavado en seco, o seu coidado é máis custoso e contaminante

  • Di non ás peles para ostentación. É inmoral matar animais só para confeccionar prendas de vestir suntuarias.



Moverse sen devorar o planeta

biciNecesitamos movernos dun lado para outro, a diario: para traballar, para estudar, para mercar, para visitar a familiares e amig@s... Nesta mobilidade ten un peso excesivo e crecente o automóbil, que se tornou en amo e señor da cidade.

O abuso no uso do automóbil está na orixe de boa parte das emisións causantes de mudanza climática, tamén da contaminación atmosférica e acústica en cidades e vilas, así como de facer as nosas poboacións menos habitábeis, máis desagradábeis.

  • Móvete a pé ou en bici sempre que podas, mellorarás a túa saúde e a do planeta, e contribuirás a facer da poboación onde vives un lugar máis amábel.

  • Se non podes ir a pé ou en bici utiliza o transporte público/colectivo.

  • O coche debe ser sempre a derradeira opción, se o tés que coller conduce de modo enerxeticamente eficiente e procura non entrar no centro da poboación.

  • Lembra que, por moito que digan os fabricantes, ningún coche é ecolóxico. Se non tés máis remedio que comprar un, procura que o seu consumo e emisións sexan os mínimos posíbeis.

O aceite de palma

O aceite de palma é unha graxa saturada e, xa que logo, prexudicial para a nosa saúde. Inxerímolo principalmente en margarinas e doces, habitualmente identificado só como "graxas vexetais". Pero a gordura tirada da palma africana ou palma de aceite non só é utilizada para alimentación, tamén serve para elaborar agrocombustíbeis. Os problemas cardio-vasculares e co colesterol non son o único mal asociado ao aceite de palma: os monocultivos de palma africana son, como os de soxa, fonte de deforestación e destrución ambiental en xeral, desprazamento de poboacións labregas e indíxenas, erosión da soberanía alimentar...

-


Desfrutar sen devorar o planeta

solAs vacacións, o lecer, o tempo libre... son parte importante da nosa vida, e obxecto de consumismo. É posíbel desfrutar sen devorar o planeta:

  • Goza da natureza sen a destruír: foxe de quads, 4x4, motos de cross, motos de auga... camiña, anda en bici, rema, monta dacabalo...

  • Respecta os lugares que visitas: a cultura, o patrimonio histórico, os espazos naturais... respecta as normas de uso e utiliza o sentido común.

  • Para descansar e/ou pasalo ben non é indispensábel viaxar o máis lonxe posíbel, hai lugares achegados de grande interese. Procura utilizar o medio de transporte máis sustentábel. Lembra que os vós de baixo custe non teñen menor impacto ambiental que calquera outra viaxe en avión.

  • Reláxate, lé, escoita música, vai ao cinema ou ao teatro, xoga, pasea, charla... sen présas. Non é necesario facer moitas cousas, nin ten sentido converter o ir de compras nun hábito para o tempo de lecer.



Agasallar sen devorar o planeta

agasalloAgasallar é un modo de amosar cariño cara alguén, e non debería ter porqué supor desprezo ou prexuízo para outras persoas ou o planeta:

  • A máis cantidade non se demostra máis cariño, como tampouco o cariño ten a ver co desembolso realizado. O cariño demóstrase ao longo do ano, no día a día.

  • Escolle agasallos útiles e desexados por quen os vai receber. Non ten sentido agasallar algo que vai ser almacenado nalgún caixón ou considerado lixo.

  • Agasalla libros, artesanía, produtos de comercio xusto... o que queiras. Podes comprar o agasallo ou facelo ti, e lembra que un presente non ten porqué ser un obxecto... mais non esquezas minimizar impactos ambientais e sociais negativos.

  • O envoltorio é o de menos, o importante é o agasallo e, moito máis que isto, a mostra de cariño. Non acompañes o teu agasallo dunha morea de envoltorios que en segundos serán lixo: non empaquetes ou faino reutilizando e permitindo que se poda voltar reutilizar.



Aforrar sen devorar o planeta

billeteUn dos trazos característicos da globalización neoliberal/capitalista é o seu forte perfil especulativo financeiro. O noso diñeiro entra no sistema financeiro a través de bancos e caixas e é movido por todo o mundo, sendo habitualmente investido en iniciativas tan pouco éticas como o a fabricación e comercio de armas, a destrución ambiental ou a privatización de recursos como a auga.

Evitar o sistema financeiro é case que imposíbel, dun modo ou doutro acabamos pasando por el, aínda que só sexa porque temos a nómina ou algún recibo domiciliados. Qué podemos facer, entón, co noso diñeiro?

  • Sexa ou non para aforrar, evita os grandes bancos e caixas, é máis fácil que fagan investimentos cos que non concordes.

  • Esixe que o teu diñeiro non sexa investido en iniciativas non éticas. Cada vez son máis comúns os fundos éticos de investimento, pero lembra que isto non condiciona o destino dos demais fundos manexados pola entidade.

  • Pásate á banca ética. Hoxe existe no Estado español un banco ético (Tríodos Bank) e está en proceso de creación outro (Fiare).

  • Non esquezas que co diñeiro podes facer máis que mercar e aforrar: apoia organizacións e campañas coas que concordes, hainas mesmo destinadas a financiar iniciativas de persoas que non poden acceder a préstamos bancarios (AIS O Peto).



Non todo é comprar e vender

Para nos abastecer do que necesitamos e nos desfacer do que non nos fai falta e non é lixo hai máis posibilidades que as de comprar ou vender:

  • Cultiva os teus propios alimentos: na túa horta, en hortas comunitarias, en hortas urbanas...

  • Participa nos Mercadiños de Troco de Verdegaia, promove novos mercadiños ou cooperativas de troco e/ou cesión.



Selos e Certificacións

garimboUn modo de garantir que un produto reúne unha serie de características é o estabelecemento de certificacións e selos. Contodo, este sistema ten as súas limitacións:

  • As grandes superficies e moitas empresas crean certificacións e selos propios, ou introducen nos seus produtos nomes, lemas e logotipos enganosos que pretenden facer ver que teñen unha certificación de calidade.

  • As certificacións, por mor do gasto que implican, non sempre son accesíbeis a calquera produtor, só aos mais grandes. Co(a)s pequen@s produtoræs é máis importante a relación persoal e a confianza que a existencia dunha certificación.

  • As certificacións non sempre son tan esixentes como desexariamos.

De seguido recollemos os principais logotipos e selos cos que te podes atopar no mercado.

Produción Biolóxica:

agric_1

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comercio Xusto:

comercioxusto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Madeira sustentábel:

madeira

 

 

 

 

 

Reciclaxe:

reciclaxe

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Eficiencia enerxética:

enerxia

 

 

 

 

 

 

Xeral:

sin-ttulo-1A ecoetiqueta europea é unha certificación voluntaria de sustentabilidade ambiental de todo o ciclo de vida dun produto. A ecoetiqueta europea non substitúe outros selos ou certificacións.

 

 

 


Canto planeta "necesitas"?

Saberías dicir canto planeta necesitas para manter o teu modo de vida, os teus hábitos? Saberías dicir cantos planetas nos farían falta se todos os seres humanos mantivésemos uns hábitos como os teus?

A pegada ecolóxica é un indicador da sustentabilidade do noso modo de vida. Calcula a superficie do planeta que necesitas para te abastecer das materias primas que consomes, así como para depositar os residuos que xeras.

Podes calcular a túa pegada ecolóxica aquí:

http://www.earthday.net/Footprint/index.asp#

A Débeda Ecolóxica

Ten a súa orixe na degradación ambiental e das condicións de vida nas periferias globais para beneficio das minorías globais privilexiadas, que practicamos un intercambio desigual e inxusto, extraíndo materias primas, roubando coñecimentos, degradando solos e augas, poluíndo a atmosfera, depositando residuos, atacando a soberanía alimenta

-


Consumo e moito máis

É moi importante procurar adoptar hábitos favorecedores da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social no noso día a día, individualmente, pero non o é menos organizarse para facilitar o desenvolvemento destes hábitos, para os difundir socialmente e para presionar a gobernos e empresas co obxectivo de antinxir cambios estruturais, locais e globais, para contribuír a transformar a nosa sociedade e o mundo en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz.

Apoia organizacións que defendan estes principios, e implícate. O consumo responsábel é só unha parte de algo máis amplo: o exercicio dunha cidadanía responsábel.

En Verdegaia tés un sitio. Transforma con nós!

 


Lembra

  • Antes de consumir algo, pensa se realmente o necesitas.

  • Se decides consumir, escolle a opción con menores impactos sociais e ambientais negativos. Non esquezas que un ben é moito máis do que o seu prezo e o que se observa a simple vista, é todo o seu ciclo de vida e as condicións nas que foi elaborado:

    • para a súa elaboración utilizáronse unhas materias primas e unha cantidade de enerxía, e se xeraron uns residuos;

    • ao longo da súa vida útil tamén poderá consumir materiais e enerxía e xerar residuos;

    • cando deixe de ser útil será máis ou menos facilmente reutilizábel ou reciclábel, converterase ou non nun residuo problemático.

  • Non é só o que se consume, tamén é importante onde.

  • O primeiro é Reducir, despois Reutilizar. Reciclar é o derradeiro dos 3R.

  • Calcula a túa pegada ecolóxica e redúcea.

  • Mantente informad@

  • Organízate, exerce a túa cidadanía. Unindo forzas é máis fácil.