Só o 1% de todo o que mercamos habitualmente, permanece nas nosas casas pasados 6 meses. Non ten sentido polo tanto seguir a alimentar necesidades artificiais, é preciso buscar maneiras de vivir mellor con menos.
Ante esta realidade Amarante deseñou este ano a campaña de Nadal “Consume o xusto, tamén en Nadal” que se desmarca da mensaxe tradicional dirixida á comercialización e que pretende, por unha banda sensibilizar nun consumo responsable e respeitoso coas persoas e o ambiente e por outra banda facer finca-pé na denuncia dun modelo económico cimentado sobre o consumismo e a explotación dos recursos naturais do sur, que profundiza na pobreza e na crise alimentaria dos pobos do mundo.
O Nadal son datas de consumismo e excesos por excelencia: mercamos presentes que non pasan de mediados de xaneiro, preparamos comidas custosas de produtos escasos, bebemos sen moderación e alumeamos a nosa casa até o exceso. A longa lista de artigos que adquirimos no Nadal e que non pasan de xaneiro é moi ampla.
Ante isto, Amarante quere convidar á cidadanía a consumir de forma responsable tamén no Nadal a fin de conter os efectos nas economías familiares da crise financeira. Para iso pon en marcha dentro da Campaña de Nadal da organización unha serie de accións destinadas a conscienciar a poboación de que é posible vivir con menos e mellor. Elaboramos 10 consellos na que o noso consumo sexa a solución e non o problema:
- Aforrar recursos como auga e enerxía axudará a aforrar cartos e evitará consumos innecesarios.
- Elexer produtos ecolóxicos e de comercio xusto. Respeitosos co ambiente e coa vida e o traballo doutras persoas.
- Mercar os teus agasallos no pequeno comercio a fin de dinamizar a economía local e crear emprego.
- Gardar os teus aforros na banca ética, seguros e alonxados dos riscos dos “activos tóxicos”.
- Trocar, reparar, facer ti mesmo, reutilizar son formas distintas, orixinais e baratas de agasallar e de vivir mellor con menos.





