Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Saturday
Feb 04th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Enerxía Novas Tarifa social eléctrica

Tarifa social eléctrica

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 
contador_luzEcologistas en Acción dirixiuse a diversas organizacións veciñais e de consumidores para lles propor realizar conxuntamente unha campaña informativa co obxectivo de facilitar o acceso á chamada Tarifa Social daqueles cidadáns e cidadás que poidan acollerse a ela. A devandita tarifa creouse recentemente a través da disposición adicional terceira da orde ministerial que regula as tarifas eléctricas.

Menos de 3 kW

Nun contexto de suba xeralizada de prezos eléctricos, esta Tarifa Social pretende protexer os sectores sociais de baixa renda e é a única que vai permitir baixar o que se paga pola electricidade. A tarifa só se pode aplicar a usuarios eléctricos que teñan unha potencia contratada de menos de 3 kW, o que significa un uso moderado da electricidade. Esta tarifa é incompatíbel con usos irracionais da electricidade -como son a súa conversión en calor a través de estufas, cociñas eléctricas (incluídas vitrocerámicas), fornos eléctricos ou quentadores de auga-. Ecologistas en Acción sempre insistiu en que usar a electricidade para producir calor é profundamente irracional xa que significa desperdiciar, polo menos, o 60% da enerxía.

Aínda que son case 4 millóns de contratos os que, por teren unha potencia contratada menor de 3 kW, en principio poderían acollerse a esta nova tarifa, serán bastantes menos os usuarios que efectivamente o fagan. Ademais, para se beneficiar dela a vivenda debe ser a residencia habitual do usuario ou usuaria, o que descarta un número indeterminado de vivendas, sobre todo rurais, que posúen dita potencia. Tamén é preciso ter instalado un Interruptor de Control de Potencia (ICP) ou ter solicitado á empresa distribuídora a súa instalación.

Os beneficiarios e beneficiarias tipo da Tarifa social son persoas maiores que residen nos cascos históricos das cidades ou no mundo rural e poboación inmigrante que reside en aluguer en vivendas pequenas e antigas. Para alguén que teña unha potencia contratada de 2,5 kW, o aforro coa nova tarifa equivale a uns 5 euros ao mes, nunha facturación total duns 25 euros/mes. En dita cifra inclúese non só o termo de potencia, que vale 0 euros por kW, senón o IVE e o imposto especial sobre a electricidade.

Un trámite sinxelo

Aínda que o trámite de acceso a esta tarifa non é moi complexo (presentar un certificado de empadroamento e uns sinxelos documentos que a compañía eléctrica debe facilitar), pode ser excesivo para a poboación chamada a beneficiarse. É por iso que Ecologistas en Acción pide a asociacións veciñais e de consumidores que colaboren a difundir esta opción e contribúan a que se materialicen contratos que son posíbeis e beneficiosos para persoas de baixas rendas.

As persoas que teñan na actualidade contratada unha potencia maior, para se beneficiaren desta tarifa deberán previamente mudar a unha potencia menor que a estabelecida e pagar por esa mudanza. Alén diso, para conseguiren aforrar enerxía e que a nova potencia eléctrica sexa suficiente deberán actuar sobre os dispositivos eléctricos que máis a consomen. A iluminación e o frigorífico son os dispositivos que máis electricidade consomen nunha vivenda media, con aproximadamente o 18% cada un. As alternativas son sinxelas: substituír bombillas incandescentes ordinarias polas chamadas fluorescentes compactas, sobre todo nos puntos de maior uso, e reemprazar o frigorífico (nunca engadir un novo) por outro máis eficiente con etiqueta de tipo A ou A+. E desde logo, reemprazar os aparellos de produción de calor a partir de electricidade antes citados, por outro tipo de enerxía como o gas natural.

Fonte: Ecologista nº 60

Máis información:

Orde ITC/1857/2008, de 26 de xuño, pola que se revisan as tarifas eléctricas (BOE nº 56, do 28 de xuño de 2008).