Nos seus catro anos de vida, Triodos Bank financiou seis proxectos en Galicia, onde abrirá unha delegación entre este ano e o próximo. Creceron un 25% no 2008, grazas a que "a crise axuda a que a sociedade crea máis nunha economía sustentable". Cultura, Medio Ambiente e proxectos sociais son os tres eixos sobre os que vira a actividade de Triodos Bank, a banca sustentable que abriu a súa primeira delegación en España hai catro anos, tempo en que financiou seis proxectos en Galicia, a pesar de que non conta con delegación nin oficina aquí.
Pero, este paso "darase a finais deste ano ou principios do próximo", asegura Joan Melé, directivo desta entidade financeira, que se atopa en Galicia para analizar varios proxectos nesta comunidade, onde "hai moi boas perspectivas" e de onde proceden 300 dos 12.000 clientes que ten en España, explica. Triodos, que a semana pasada presentou os seus resultados en 2008, cun crecemento dun 25% en plena crise, prevé ademais facer unha ampliación de capital este ano porque "vemos que a crise axudou a que a sociedade crea máis nunha economía sustentable".Así o explica Melé, quen asegura que o obxectivo desta banca, nacida hai case 30 anos nos Países Baixos, busca cambiar o mundo, pero separa esta idea do romanticismo e da forma de actuar da obra social dunha caixa.
"Somos un banco -incide- que deixa diñeiro, cólleo do aforro dos seus clientes e destínao a proxectos en forma de préstamos, a gran diferenza é que cando deixamos o diñeiro non só seguimos criterios de rendibilidade, senón que debe ter como fin mellorar e cambiar a nosa contorna", engade.
Asegura que "é un negocio rendible, de non ser así non estaría crecendo, o que pasa é que non gañamos como os demais, os nosos proxectos deixan pouca marxe, pero son moi necesarios para a sociedade, e outros que deixarían moitos millóns non os financiamos." Por iso, explica, esta entidade examina moi ben os proxectos que financia, pero o realmente importante é a resposta á primeira pregunta que lles fan ós potenciais destinatarios dos seus créditos En que vai beneficiar ese proxecto á sociedade? Se este contribúe positivamente, a proposta pasará ó comité de riscos, que avalará a súa viabilidade e prazos para devolver o diñeiro.
Proba diso son as iniciativas financiadas por Triodos, todas elas poden ser consultadas na súa páxina web, seis delas en Galicia, das que dúas corresponden a ONG, Solidariedade Internacional e Enxeñeiros sen Fronteiras Galicia (ISFG), ambas con sede na Coruña.
A primeira leva a cabo un proxecto de estudo e prevención de mortes violentas de mulleres en Guatemala, para o que contou cun adianto de fondos mentres que os membros de ISFG recibiron préstamos a construción en países de Latinoamérica. Parte do apoio de Triodos é adiantar o diñeiro dunha subvención que, en moitos casos, "significa saír adiante ou que a ONG non poida continuar", explica Melé.
A arquitectura bioclimática e a agricultura ecolóxica son o eixo doutros tres proxectos financiados na comunidade galega, dúas en Lugo, Casa da Terra e Casa da Penela, rehabilitadas baixo premisas da bioconstrución, a primeira como granxa escola onde se desenvolven actividades para nenos e, no segundo, o turismo rural e cultivos ecolóxicos.
A terceira é unha nova empresa pontevedresa, Ecocelta, referente en lombricultura, que agora inicia as obras de ampliación das súas instalacións que permitirá a xestión, reciclaxe e produción de 25.000 toneladas de biofertilizantes.
ADS Sustainable Development Consulting é a última das apostas de Triodos en Galicia, para apoiar a unha empresa coruñesa de consultoría que ofrece solucións ambientais con alta tecnoloxía.
Fonte: Galicia-Hoxe





