Unha nova ameaza para o Val Miñor e tamén para todo o entorno da ría, pois este plan afecta igualmente ás comarcas e concellos do Morrazo, Rosal, Baixo Miño, Louriña, Condado-Paradanta, Redondela, Soutomaior e Pontevedra. Promove a construción de 243,8 quilómetros de autovías e 82.4 quilómetros de estradas de circunvalación, variantes e estradas de conexión con vías de alta capacidade.
O Plano Vigo Íntegra establece un modelo de mobilidade baseado nas estradas de alta capacidade como infraestruturas principais, practicamente únicas, para o transporte de persoas e mercadorías na área de influencia de Vigo. Este Plano elude o transporte público, fomenta o uso do vehículo privado e o transporte pesado de mercadorías por estrada, aumenta o consumo de petróleo e agrava a contaminación atmosférica, favorecendo o cambio climático. Baseado nun modelo obsoleto de mobilidade, que destrúe o territorio e os seus valores económicos, sociais, culturais, etnográficos, ambientais, paisaxísticos e identitarios. Este plano esquece totalmente o transporte público, estimulando aínda máis a utilización do vehículo privado e o movemento de mercadorías por estrada, xerando máis contaminación e aumentando aínda máis a nosa xa grande dependencia do petróleo. A cambio, pretende investir 2.000 millóns de euros nunha rede de infraestruturas viarias cuxa viabilidade está condenada, a curto prazo, pola inminente crise enerxética.
Mais existen alternativas, precisamos un modelo de transporte baseado na accesibilidade e a proximidade. É imprescindíbel que os 2.000 millóns de euros presupostados se utilicen na mellora e humanización da rede viaria existente na área afectada, na mellora do transporte público e no fomento do transporte non motorizado, como os carrís bici e na construción doutras infraestruturas máis necesarias: hospitais comarcais, centros sociais, educativos, de saúde, culturais, deportivos, e espazos verdes que, á parte de facer máis autosuficientes as nosas barriadas, parroquias e vilas, nos eviten a necesidade de desprazarnos ata a cidade. Isto é crear proximidade. A centralización é xerar distancias.
Este video recolle unha explicación pormenorizada da desfeita.





