Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Friday
Sep 03rd
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size

Publicidade - Denuncia

Publicidade - Denuncia

Sé optimista: Consome até morrer!

Sé optimista: Consome até morrer!

Un inquietante anuncio con fundo negro amosa unicamente o enderezo web estosololoarreglamosentretodos.org, pero, quen hai detrás disto?

É unha campaña publicitaria iniciada por Jaime de Andrés, responsábel de publicidade corporativa de Telefónica xunto a Javier Gómez Navarro (ex ministro de comercio e actual presidente do Consello Superior de Cámaras), o economista Guillermo de la Dehesa e os avogados Antonio Garrigues Walker e Miquel Roca. "É unha chamada á sociedade civil para que se mobilice", explicaron os responsábeis da iniciativa, que durará dous meses, con anuncios en televisión, insercións en prensa e cartelería exterior. En total, o custo da campaña será de catro millóns de euros que puxeron as Cámaras de Comercio, a patronal das grandes empresas construtoras (Seopan) e un bon número de grandes empresas (Telefónica, Iberia, El Corte Inglés, BBVA, Santander, La Caixa, Caja Madrid, Repsol, Cepsa, Endesa, Iberdrola, Mapfre, Abertis, Mercadona, Indra, Renfe e Red Eléctrica).

O proxecto é tan ambicioso que se criou unha institución para que xera todo isto, a Fundación Confianza. O anuncio televisivo recolle xustamente o manifesto da Fundación na voz de cidadáns anónimos e de personaxes famosos, como os deportistas Fernando Romay, Carlos Sainz ou os irmáns Gasol, os presentadores Àngels Barceló e Andreu Buenafuente, o escritor Juan José Millás, o cociñeiro Ferran Adrià ou o cantante Melendi.

Quizá o teu sexa un dos 4.048.493 de parados que rexistraba o Servizo Público de Emprego Estatal en xaneiro (se a isto sumamos os parados en cursos de formación, os Traballadores Eventuais Agrarios (TEAAS) e os que procuran empregos de media xornada ou só na súa localidade, entón temos 4,5 millóns de desempregados, case que o 20% da poboación activa). Se é así, quizai non teñas moito ánimo para amañar a economía deste país. Ou quizá te perguntes: E por que empresas e organismos tan importantes queren que eu sexa optimista?

Ben, para empezar, o alto executivo que iniciou esta iniciativa traballa para Telefónica, unha empresa que aumentou o seu beneficio neto un 2,4% no exercicio 2009. É dicir, que até en plena crise teñen razóns para ser optimistas, non como os 4,5 millóns de parados. Pero o problema parece ser que a crise fixo moito dano nas economías máis baixas e nas expectativas de consumo da clase media: mentres que na Franza, xa no segundo trimestre de 2008 o gasto privado volvía crecer tras a crise, en España non deixou de baixar desde 2007 e o repontamento no último trimestre é mínimo: 21 meses a caír o consumo e coa confianza do consumidor case que polo chan. Así que se perguntaban no diario económico Expansión: "resulta rechamante que países do noso contorno como a Franza, Grecia, Portugal, Italia ou grandes potencias como EUA e Xapón xa levan varios trimestres vendo como medra o seu consumo privado. Por que en cambio os españois preferimos ter o diñeiro parado no peto?"(1). O asunto, evidentemente, preocupa moito ao mundo empresarial. En palabras do mesmo diario: "No consumo está a chave da recuperación económica, porque o gasto dos fogares representa, nen máis nen menos, que 2/3 do PIB en España."

Quen non teñen diñeiro non gasta e, quen ten algo, afórrao. Así parece que funciona a economía doméstica española, posto que xa na crise de 1993 a taxa de aforro se elevou até o 16%, para despois caír ao 10,2% en 2007. No terceiro trimestre de 2009 (último dato dispoñíbel), superaba xa o 14%. "Esta peculiaridade distáncianos, por exemplo, dos EUA onde teñen máis tendencia ao consumo e non tanto ao aforro", explica Sara Baliño, analista de AFI en Expansión. Funcas, a Fundacion das Caixas de Aforros xa anunciou que o aumento do aforro se manterá todo este ano (chegando a unha taxa de aforro do 18,2%), así que as perspectivas non tranquilizan moito ao mundo empresarial.

E neste contexto nasce unha campaña publicitaria sufragada por boa parte dos que nos levaron a esta crise, como as empresas construtoras ou os bancos que deron alegres préstamos á tolemia do tixolo. Eles pédennos un esforciño máis. Dicíao o propio promotor desta iniciativa, Jaime de Andrés: "Para medir o éxito do proxecto seguiremos indicadores institucionais e o seguimento do web. Mais tamén sería un sinal ver mudanzas en determinadas posicións na sociedade" (Público, venres 26 de febreiro) Referirase a que saiamos dunha vez á rúa a pedir que co noso diñeiro non se financie aos bancos? Ou se refere a que pidamos prestamos e hipotecas e nos poñamos a mercar e gastar? Na propia páxina web do proxecto hai unha sección de "boas novas", e hai dúas que dan algunha pista: "Xa mercamos máis (no cuarto trimestre do 2009 o gasto en consumo final dos fogares españois pasa do -5,0% ao -3,5%) e "O número de vivendas hipotecadas cresce por primeira vez en dous anos e medio".

Así pois, nace unha campaña que tenta que o optimismo se traduza en cartóns de crédito áxiles, peto lixeiro e incotinencia á hora de pedir préstamos e hipotecas. Estoloarreglamosentretodos.org ben podería chamarse: "seoptimistaycompra.org",
"hipotecatecomosea.org" ou "gastadeunaputavez.org".

Quizá a ti se che ocorren mellores formas de gastar os 4 millóns de euros destinados a aumentar o optimismo rendíbel ou até crés que as construtoras, os bancos e as institucións públicas que lles permitiron facer o que fixeron son os que deberían sufrir (aínda que fose un pouquiño) a crise.

Isto, contigo e uns cantos optimistas, arranxámolo.

NOTAS

1."Los españoles no se rascan el bolsillo para salir de la crisis". Beatriz Amigot. Expansión 19-02-2010

 

Publicado en Consume Hasta Morir

 
Publicidade - Denuncia

O Reino Unido prohibe a publicidade de Actimel que presume das súas vantaxes para a saúde

O Reino Unido prohibe a publicidade de Actimel que presume das súas vantaxes para a saúde

Os iogurtes poden ser moi sans, pero non fan milagres. O organismo público que garante a veracidade da publicidade no Reino Unido ordenou a Danone que retire un anuncio d...

Publicidade - Denuncia

Entregados os Premios Sombra 2009

Entregados os Premios Sombra 2009

Por segundo ano consecutivo os Premios Sol teñen unha sombra que os acompaña sinalando os anuncios máis sexistas, insolidarios, individualistas ou falsamente ecolóxicos, entr...

Publicidade - Denuncia

Publicidade contra Realidade

Publicidade contra Realidade

Canto se parecen os produtos que mercamos á imaxe que nos venden deles? O proxecto " Werbung gegen Realität " do web pundo3000.com tomou 100 produtos en bon estado, fotografo...

Publicidade - Denuncia

Terrible ser publicitario...

Terrible ser publicitario...

É dificil transmitir tanta ignorancia, tanta ruindade e tanta inconsciencia nunha soa imaxe publicitaria. Tendo en conta a deforestación, o incremento do uso de transxéni...

Ler máis...
Páxina 1 de 2