A publicidade sempre representa unha importante contaminación: mental no caso da audiovisual e física (ademas de mental) nos outros soportes. Unha modalidade particularmente contaminante é o envío masivo de correo postal non solicitado. Neste campo, o Banco de Santander ven de superarse ao combinar o buzoneo masivo coa publicidade auditiva e a xeración de resíduos electrónicos moi contaminantes e de imposíbel reciclado neste formato co uso do "panfleto tóxico auditivo"
Con este nome denominamos un díptico en papel estucado de xeneroso tamaño pagado polo Banco de Santander, no que un indivíduo que centra a súa vida na queima constante de inxentes cantidades de gasolina e rodas, convídanos a facer parte do seu "equipo ganador" en directo e en viva voz.
Non hai como a irresponsabilidade raiana no delictivo para pergueñar un microcircuito con baterías e altofalantes pegado a unha folla de papel que permita ao abrir o plegado escoitar unha mensaxe tan edificante.
Compriría lembrarlle as lumbreiras que idearon esta campaña, que os resíduos electrónicos estanse a converter nun problema ambiental e social de primeira magnitude: a circuitería electrónica contén chumbo, PVC, retardantes de lume como o berilio e tamén mercurio nalgús casos, entre outros elementos. A súa recuperación e reciclaxe esixe empresas especializadas cousa imposible neste tipo de publicidade, que a meirande parte das veces rematará no contentor de papel ou no de lixo normal, levándose na incineradora e contribuindo ás emisións tóxicas provocadas pola combustion e desbaldindo materias primas escasas.
Como xa dixen outras veces, seguro que o Banco de Santander ten un documento sobre Responsabilidade Social Corporativa na que fan grandes chamados ao sostible, medio ambiente, etc. Deberiamos incluír no código penal o delito de irresponsabilidade ambiental temeraria con resultado de contaminación e aplicar as sancións correspondentes para comezar a eliminar esta práctica. Entanto, aquelas de nos que teñamos contas neste banco faremos ben en pechalas






