Celebración do solsticio de inverno transformada pola Igrexa en conmemoración do nascimento de Xesús Cristo para acabar por virar quinta-esencia do consumismo por obra e graza do sistema capitalista no que vivimos... O Nadal está aquí de novo, aínda que talvez cunha novidade: a(s) crise(s), cada vez máis presente(s).
O noso modo de vida, baseado na sobreprodución e o sobreconsumo, provoca graves impactos ambientais e sociais, locais e globais, inmediatos e demorados no tempo... devora o planeta e o futuro, por iso é insustentábel e, xa que logo, (auto)destrutivo. Daí a crise, a financeira e non só: levamos o planeta a unha crise ecolóxica global (climática, da biodiversidade, da auga, dos solos, enerxética...) e de nós depende mudar o rumo para evitar que se continúe a agravar atinxindo extremos catastróficos.
O consumo é un dos contextos onde decidirmos se continuar pola autoestrada da destrución ambiental e social ou escoller o camiño da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social. Consumimos en exceso, por riba das nosas necesidades e mesmo das nosas posibilidades, de forma irreflexiva, compulsiva —e xeramos residuos de modo proporcional, claro. Facemos isto todo o ano mais en determinadas ocasións decidimos que non é abondo e multiplicamos a desfeita. Este é o caso do Nadal, que ademais adornamos con mensaxes de paz e encontro familiar.
Precisamente polos valores asociados ao Nadal, esta celebración tende a combinar desbaldimento e caridade, opulencia e “boas accións”, xestos que tranquilizan consciencias mais non mudan nada: sexa en forma de esmola, telemaratón ou compra ocasional e anecdótica de produtos de comercio xusto. Doutra banda, a actual crise económica pode moderar as nosas ansias consumistas —tamén a caridade?— pero apenas como unha reacción conxuntural á espera de “mellores tempos” nos que poder voltar á total despreocupación.
O consumo responsábel non é un tranquilizador de (más) consciencias nen unha nova versión do consumismo “clásico” tinxida de verde e solidario. Tal e como na asociación ecopacifista Verdegaia o entendemos, é un elemento fundamental para superarmos a crise ecolóxica global, unha ferramenta para a transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz. Xa que logo, é unha actitude consciente mantida ao longo do ano, unha opción de vida fruito da reflexión sobre as nosas necesidades e o modo de as cubrir.
Para alén disto, o consumo responsábel non pode ficar limitado a unha actividade individual e privada, é un exercicio de cidadanía responsábel. Se realmente aspiramos a contribuír para unha mudanza de rumo, se de verdade queremos axudar a transformar, entón o consumo responsábel débese organizar colectivamente e transcender publicamente, denunciar e construír para facer posíbel vivir sen devorar o planeta e o futuro. Por este motivo Verdegaia botou a andar a campaña “Consomes ou Devoras?”, na que conflúen análise, sensibilización e presión/mobilización, ademais de desenvolvimento de alternativas e apoio ás xa existentes, un lugar de encontro no que xerar sinerxías para transformar.
As crises financeira e ecolóxica global deberían servir como estímulo para a reflexión sobre o noso (auto)destrutivo modo de vida. O Nadal, dadas as súas características, pode ser unha mui boa ocasión para aprofundar nesas reflexións e comezar a tomar decisións ao respeito. Celebremos o solsticio de inverno, o nascimento de Xesús Cristo ou simplesmente que temos uns días feriados para descansar e nos xuntar coa xente que queremos, fagámolo de forma sincera e sinxela, sen desbaldir, sen devorar. Desfrutaremos máis destes días, libres da presión consumista, sen necesidade de aparentar nen de calar remorsos, poñendo as bases para saírmos da crise, construíndo sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz.









Pensemos no trigo, o millo ou calquera outro vexetal, como unha suma de partículas que fan un todo. Cada unha desas partículas formouse a partir dun sinal, dunha instruci...
