Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Thursday
Feb 09th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Opinión Opinión Os supermercados e a crise alimentaria mundial

Os supermercados e a crise alimentaria mundial

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 

supermercadoO monopolio e concentración permite un forte control á hora de determinar o que consumimos, a que prezo mercámolo, de quen procede, como foi elaborado, con que produtos, etc. A nosa alimentación depende cada día máis dos intereses destas grandes cadeas de venda ao detalle e o seu poder evidencíase con toda crueza nunha situación de crise. A súa aparición no transcurso do século XX, contribuíu á mercantilización do que, o como e o onde compramos supeditando a alimentación, a agricultura e o consumo á lóxica do capital e do mercado.

A crise alimentaria deixou sen comida a miles de persoas en todo o mundo. Á cifra de 850 millóns de famentos, o Banco Mundial engade cen máis froito da crise actual. O "tsunami" da fame non ten nada de natural, senón que é resultado das políticas neoliberais impostas durante décadas polas institucións internacionais. Hoxe, o problema non é a falta de alimentos senón a imposibilidade para acceder a eles debido aos seus altos prezos.

Esta crise alimentaria deixa tras si a unha longa lista de perdedores e de gañadores. Entre os máis afectados, atópanse mulleres, nenos e nenas, campesiños e campesiñas expulsados das súas terras, pobres urbanos... En definitiva, aqueles que engrosan as filas das e os oprimidos do sistema capitalista. Entre os gañadores, atopamos ás multinacionais da industria agroalimentaria que controlan de orixe a fin a cadea de produción, transformación e comercialización dos alimentos. Deste xeito, mentres a situación de crise azouta, principalmente, aos países do sur global, as multinacionais do sector ven multiplicar as súas ganancias.

Monopolios

A cadea agroalimentaria está controlada en cada un dos seus tramos (sementes, fertilizantes, transformación, distribución, etc.) por multinacionais que conseguen grandes beneficios grazas a un modelo agroindustrial liberalizado e desregularizado. Un sistema que conta co apoio explícito das elites políticas e das institucións internacionais que antepón os beneficios destas empresas ás necesidades alimenticias das persoas e o respecto ao medio ambiente.

A gran distribución, do mesmo xeito que outros sectores, conta cunha alta concentración empresarial. En Europa, entre os anos 1987 e 2005, a cota de mercado das dez maiores multinacionais da distribución significaba un 45% do total e prognosticábase que esta podería chegar a un 75% nos próximos 10-15 anos. En países como Suecia, tres cadeas de supermercados controlan ao redor do 95,1% da cota de mercado; e en países como Dinamarca, Bélxica, Estado español, Francia, Holanda, Gran Bretaña e Arxentina, unhas poucas empresas dominan entre o 60% e o 45% do total. As megafusiones son a dinámica habitual no sector. Deste xeito, as grandes corporacións, coa súa matriz nos países occidentais, absorben a cadeas máis pequenas en todo o planeta asegurándose a súa expansión a nivel internacional e, especialmente, nos países do sur global.

Este monopolio e concentración permite un forte control á hora de determinar o que consumimos, a que prezo comprámolo, de quen procede, como foi elaborado, con que produtos, etc. No ano 2006, a segunda empresa máis grande do mundo por volume de vendas foi Wal-Mart e na listaxe das cincuenta maiores empresas mundiais atopábanse tamén, por orde de facturación, Carrefour, Tesco, Kroger, Royal Ahold e Costco. A nosa alimentación depende cada día máis dos intereses destas grandes cadeas de venda ao detalle e o seu poder evidencíase con toda crueza nunha situación de crise.

De feito, en abril do 2008 e fronte á situación de crise alimentaria mundial, as dúas maiores cadeas de supermercados de Estados Unidos, Sam?s Club (propiedade de Wal-Mart) e Costco (de venda a almacenistas), apostaron por racionar a venda de arroz nos seus establecementos aludindo a unha posible restrición na subministración deste cereal. En Sam?s Club, limitouse a venda de tres variedades de arroz (basmati, jasmine e gran longo) así como a compra de sacos de arroz de nove ou máis quilos a un total de catro por cliente; en Costco restrinxiuse a venda de fariña e de arroz fronte ao aumento da demanda. En Gran Bretaña, Acusa (a principal importadora de arroz basmati a nivel mundial) tamén estableceu restricións á venda de arroz nalgúns establecementos por xunto. Con esta medida púxose en evidencia a capacidade das grandes cadeas de distribución de incidir na compra e venda de determinados produtos, limitar a súa distribución e influír na fixación dos seus prezos. Un feito que nin sequera se produciu en Estados Unidos tras a II Guerra Mundial, cando si se restrinxiu a provisión de petróleo, pneumáticos e lámpadas, pero non de alimentos.

Cambio de hábitos

Outra dinámica que se puxo de relevo fronte á situación de crise alimentaria foi o cambio de hábitos á hora de facer a compra. Ante a necesidade, por parte dos clientes, de abrocharse o cinto e buscar aqueles establecementos con prezos máis baratos, as cadeas de desconto foron as que saíron gañando. En Italia, Gran Bretaña, Estado Español, Portugal e Francia, estes supermercados viron aumentar as súas vendas entre un 13% e un 9% o primeiro trimestre do 2008 respecto ao ano anterior.

Outro indicador do cambio de tendencia é o aumento das vendas de marcas brancas que xa supón, segundo datos do primeiro trimestre do 2008, en Gran Bretaña un 43,7% do volume total de vendas, no Estado Español un 32,8%, en Alemaña un 31,6% e en Portugal e Francia ao redor do 30%. Cando son, precisamente, as marcas brancas as que dan un maior beneficio ás grandes cadeas de distribución e permiten unha maior fidelización dos seus clientes.

Pero máis aló do papel que a gran distribución poida xogar nunha situación de crise (con restricións á venda dalgúns dos seus produtos; cambios nos hábitos de compra, etc.), este modelo de distribución exerce a nivel estrutural un forte control e impacto negativo nos distintos actores que participan na cadea de distribución de alimentos: campesiños/as, provedores, consumidores/as, traballadores/as, etc. De feito, a aparición dos supermercados, hipermercados, cadeas de desconto, autoservicios..., no transcurso do século XX, contribuíu á mercantilización do que, o como e o onde compramos supeditando a alimentación, a agricultura e o consumo á lóxica do capital e do mercado. www.ecoportal.net

* Esther Vivas é membro da Rede de Consumo Solidario e da campaña No te comas el mundo. É coautora do libro Supermercados, non grazas (Icaria editorial, 2007). Publicado en AAVV Introdución á Crise Alimentaria Global, Barcelona, No te comas el mundo

Artigo traducido de Ecoportal.net