Ecologistas en Acción é, entre as principais organizacións ecoloxistas españolas, a que de forma máis clara e consecuente está a avogar polo decrecemento sustentábel. Unha idea moi difícil de defender, particularmente nun país como o noso, que aínda se ve como atrasado, que cre que é xusto continuar a aumentar o consumo de enerxía e de materiais, pois aínda é menor que o dos países máis “avanzados”. Coincidindo coa súa asemblea anual, celebrada a comezos de decembro en Valencia, Ecologistas en Acción lanzou o Manifesto de Valencia: Menos para vivir mellor: “decrecer” con criterios de equidade. Afrontarmos “o conflito básico entre, por unha banda, un planeta Terra con recursos limitados e finitos e, pola outra, un capitalismo globalizado, baseado na necesidade de crecemento e acumulación constantes, que produce un consumo enerxético cada vez maior, e se basea na idea de crecemento “sen fin”, resulta inevitábel se queremos resolver a crise ambiental global, se de verdade queremos construír un mundo xusto e sustentábel. O reto é descomunal: precísase unha reformulación do concepto de traballo, unha profunda revisión dos valores sociais, deixar de considerar o crecemento económico como indicador de progreso,… “O grande reto do decrecemento nos países enriquecidos é aprender a producir valor, liberdade e felicidade reducindo significativamente a utilización de materia e enerxía, así como os residuos”.
Fonte: Blog Cos Pés na Terra





