Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Tuesday
May 22nd
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Opinión Opinión Os espellos do Paraíso

Os espellos do Paraíso

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 
coche_carregaA publicidade fala do automóbil como unha bendición ao alcance de todos. Un dereito universal? Unha conquista democrática? Se fose verdade, e todos os seres humanos puidesen converterse en felices propietarios deste medio de transporte convertido en talismán, o planeta sufriría morte súbita por falta de ar. E antes, deixaría de funcionar por falta de enerxía. Quédanos petróleo para dúas xeracións. Xa queimamos nun momento unha grande parte do petróleo que se formou ao longo de millóns de anos. O mundo produce autos ao ritmo dos latexos do corazón, máis dun por segundo, e eles están a devorar máis da metade de todo o petróleo que o mundo produce.

Por suposto, a publicidade mente. Os numeriños din que o automóbil non é un dereito universal, senón un privilexio de poucos. Só o vinte por cento da humanidade dispón do 80 por cento dos autos, aínda que o cento por cento da humanidade teña que sufrir as consecuencias. Como tantos outros símbolos da sociedade de consumo, este é un instrumento que está en mans do Norte do mundo e das minorías que no Sul reproducen os costumes do norte e cren, e fan crer, que quen non ten permiso de conducir non ten permiso de existir.

O 85 por cento da poboación da capital de México viaxa no 15 por cento do total de vehículos. Un de cada dez habitantes de Bogotá é dono de nove de cada dez automóbeis. Aínda que a maioría dos latinoamericanos non ten o dereito de comprar un auto, todos teñen o deber de pagalo. De cada mil haitianos, só cinco están motorizados, pero Haití dedica un terzo das súas importacións a vehículos, repostos e gasolina. Un terzo dedica, tamén, El Salvador. Segundo Ricardo Navarro, especialista nestes temas, o diñeiro que Colombia gasta cada ano para subsidiar a gasolina, alcanzaría para regalar dous millóns e medio de bicicletas á poboación.

O dereito a matar. Un só país, Alemaña, ten máis automóbieis que a suma de todos os países de América Latina e África. Contodo, no Sul do mundo morren tres de cada catro mortos nos accidentes de tráfico de todo o planeta. E dos tres que morren, dous son peóns.

Niso, polo menos, non mente a publicidade, que adoita comparar ao auto cun arma: acelerar é como disparar, proporciona o mesmo pracer e o mesmo poder. A cacería dos camiñantes é frecuente nalgunhas das grandes cidades latinoamericanas, onde a coiraza de catro rodas estimula a tradicional prepotencia dos que mandan e dos que actúan coma se mandasen. E nestes últimos tempos, tempos de crescente inseguridade, ao impune matonismo de sempre agrégase o pánico aos asaltos e aos secuestros. Cada vez hai máis xente disposta a matar a quen se lle poña diante. As minorías privilexiadas, condenadas ao medo perpetuo, pisan o acelerador a fundo para esmagar a realidade ou para fuxir dela, e a realidade é unha cousa moi perigosa que ocorre alén das ventanillas pechadas do automóbil.

O dereito a invadir. Polas rúas latinoamericanas circula unha ínfima parte dos automóbeis do mundo, pero algunhas das cidades máis contaminadas do mundo están en América Latina.

A imitación servil dos modelos de vida dos grandes centros dominantes, produce catástrofes. As copias multiplican até o delirio os defeitos do orixinal. As estruturas da inxustiza hereditaria e as contradicións sociais feroces xeraron cidades que medran fóra de todo posíbel control, xigantescos frankensteins da civilización: a importación da relixión do automóbil e a identificación da democracia coa sociedade de consumo, teñen, neses reinos do sálvese quen poida, efeitos máis devastadores que calquera bombardeo.

Nunca tantos sufriron tanto por tan poucos. O transporte público desastroso e a ausencia de ciclovías fai obrigatorio o uso do automóbil, pero a imensa maioría, que non o pode comprar, vive acurralada polo tráfico e afogada polo smog. Os paseos redúcense, hai cada vez máis aparcadoiros e cada vez menos barrios, cada vez máis autos que se cruzan e cada vez menos persoas que se atopan. Os autobuses non só son escasos: peor, en moitas cidades o transporte público corre por conta duns destartalados cachivaches que botan mortais fumaredas polos canos de escape e multiplican a contaminación en lugar de aliviala.

O dereito de contaminar. Os automóbeis privados están obrigados, nas principais cidades do Norte do mundo, a utilizar combustíbeis menos velenosos e tecnoloxías menos cochas, mais no Sul a impunidade do diñeiro é máis asasina do que a impunidade das ditaduras militares. En raros casos, a lei obriga ao uso de gasolina sen chumbo e de convertidores catalíticos, que requiren controis estritos e son de vida limitada: cando a lei obriga, acátase pero non se cumpre, segundo quere a tradición que vén dos tempos coloniais.

Algunhas das maiores cidades latinoamericanas viven pendentes da choiva e o vento, que non limpan de veleno o ar, pero polo menos o levan a outra parte. A cidade de México vive en estado de perpetua urxencia ambiental, provocada en grande medida polos automóbeis, e os consellos do goberno á poboación, ante a devastación da praga motorizada, parecen licións prácticas para enfrontar unha invasión de marcianos: evitar os exercicios, pechar hermeticamente as casas, non saír, non se mover. Os bebés nascen con chumbo no sangue e un terzo dos cidadáns padece dores crónicas de cabeza.

Ou vosté deixa de fumar, ou morre nun ano advertiu o médico a un amigo meu, habitante da cidade de México, que non fumara nen un só cigarro en toda a súa vida.

A cidade de São Paulo respira nos Domingos e asfíxiase nos días de semana. Ano tras ano vaise envelenando o ar de Buenos Aires, ao mesmo ritmo en que medra o parque automotor, que o ano pasado aumentou no medio millón de vehículos. Santiago de Chile está separada do ceu por un paraugas de smog, que nos últimos 15 anos duplicou a súa densidade, mentres tamén se duplicaba, casualmente, a cantidade de automóbeis.

Eduardo Galeano

Publicado en Argenpress