Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Thursday
Feb 09th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Opinión Opinión A cara oculta dos supermercados

A cara oculta dos supermercados

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 
Prodúcese, distribúese e cómese aquilo que se considera máis rendible, obviando a calidade da alimentación. Os supermercados convertéronse nun dos actores máis significativos do proceso de globalización capitalista. A gran distribución comercial (supermercados, hipermercados, cadeas de desconto) experimentou nos últimos anos un forte proceso de expansión, crecemento e concentración industrial. As principais compañías de venda ao detalle entraron a formar parte do ranking das maiores multinacionais do planeta e convertéronse nun dos actores máis significativos do proceso de globalización capitalista.

A súa aparición e desenvolvemento cambiou radicalmente a nosa maneira de alimentarnos e de consumir, supeditando estas necesidades básicas a unha lóxica mercantil e aos intereses económicos das grandes corporacións do sector. Prodúcese, distribúese e cómese aquilo que se considera máis rendible, sen importar a calidade da nosa alimentación. Aditivos, colorantes e conservantes convertéronse en algo cotián na elaboración do que comemos.

En Estados Unidos, por exemplo, debido á xeralización da comida rápida, calcúlase que cada cidadán toma anualmente 52 quilos de aditivos, feito que xera crecentes doses de intolerancia e alerxias.

O publicitado como "natural" non ten nada de ecolóxico e é resultado de procesos de transformación química. A nosa alimentación, lonxe do que producen os ciclos de cultivo tradicionais no campo, acaba desembocando nunha alimentación desnaturalizada e de laboratorio. As súas consecuencias? Obesidade, desequilibrios alimentarios, colesterol, hipertensión... e os custos acaban sendo socializados e asumidos pola sanidade pública.

Alimentos viaxeiros

Os alimentos "viaxeiros" son outra cara do actual modelo de alimentación. A maior parte do que comemos viaxa entre 2.500 e 4.000 quilómetros antes de chegar á nosa mesa, co consecuente impacto ambiental, cando, paradoxalmente, estes mesmos produtos son elaborados a nivel local.

A enerxía utilizada para mandar unhas leitugas de Almería a Holanda, por exemplo, acaba sendo tres veces superior á utilizada para cultivalas. Atopámonos ante un modelo produtivo que induce á uniformización e á estandarización alimentaria, abandonando o cultivo de variedades autóctonas en favor daquelas que teñen unha maior demanda por parte da gran distribución, polas súas características de cor, tamaño, etc.

Trátase de abaratar os custos de produción, aumentar o prezo final do produto e conseguir o máximo beneficio económico. Non en balde, segundo o sindicato agrario COAG, os prezos en orixe dos alimentos chegaron a multiplicarse até por once en destino, existindo unha diferenza media de 390% entre o prezo en orixe e o final.

Máis do 60% do beneficio para os distribuidores

Calcúlase que máis do 60% do beneficio do prezo do produto vai parar á gran distribución. A situación de monopolio no sector é total: cinco grandes cadeas de supermercados controlan a distribución de máis da metade dos alimentos que se compran no Estado español acaparando un total do 55% da cota de mercado. Se a estas sumamos a distribución realizada polas dous principais centrais de compra almacenistas, chegamos á conclusión de que só sete empresas controlan o 75% da distribución de alimentos.

Esta mesma dinámica obsérvase en moitos outros países de Europa. En Suecia, tres cadeas de supermercados teñen o 95,1% da cota de mercado; en Dinamarca tres compañías controlan o 63,8%; e en Bélxica, Austria e Francia unas poucas empresas dominan máis do 50%.

Unha tendencia que se prevé aínda maior nos próximos anos e que se visualiza moi claramente a partir do que se veu en chamar a "teoría do embude": millóns de consumidores por unha banda e miles de campesiños polo outro e tan só unhas poucas empresas controlan a cadea de distribución de alimentos.

En Europa, contabilízanse uns 160 millóns de consumidores nun extremo da cadea e uns tres millóns de produtores no outro, no medio unhas 110 centrais e grupos de compra controlan o sector. Este monopolio ten graves consecuencias non só no agricultor e no consumidor, senón tamén no emprego, no medio ambiente, no comercio local, no modelo de consumo.

Pero existen alternativas. Nun planeta con recursos naturais finitos é imprescindible levar a cabo un consumo responsable e consumir en función do que realmente necesitamos, combatendo un consumismo excesivo, antiecolóxico e superfluo.

No práctico, podemos abastecernos a través dos circuítos curtos e de proximidade, en mercados locais, e participar, na medida das posibilidades, en cooperativas de consumidores de produtos agroecolóxicos, cada vez máis numerosas en todo o Estado, que funcionan a nivel barrial e que, a partir dun traballo autoxestionado, establecen relacións de compra directa cos campesiños e produtores da súa contorna.

Así mesmo é necesario actuar colectivamente para establecer alianzas entre distintos sectores sociais afectados por este modelo de distribución comercial e polo impacto da globalización capitalista: campesiños, traballadores, consumidores, mulleres, inmigrantes, novas...

Un cambio de paradigma na produción, a distribución e o consumo de alimentos só será posible nun marco máis amplo de transformación política, económica e social e para conseguilo é fundamental o impulso de espazos de resistencia, transformación e mobilización social.

(*) Esther Vivas é coordinadora dos libros Supermercados, non grazas e Onde vai o comercio xusto? e membro do Centro de Estudos sobre Movementos Sociais (CEMS)-Universitat Pompeu Fabra.

Fonte: Canal Solidario

 

Artigos relacionados