Pensemos no trigo, o millo ou calquera outro vexetal, como unha suma de partículas que fan un todo. Cada unha desas partículas formouse a partir dun sinal, dunha instrución contida nos xenes da semente nai. Para que o funcionamento final, para que a suma desas partículas, sexa perfeita, medre, xere novos froitos e novas sementes, os xenes contidos na semente interconéctanse e sincronizan entre eles á perfeición. Chegar até aí custoulle a cada semente séculos de evolución, de selección natural, de fallos e correccións, e durante eses tempos infinitos, os xenes coevolucionaron xuntos, irmandados. Ao final así podemos resumir unha semente: o milagre dunha evolución conxunta dun grupiño de xenes amigábeis que a natureza nos agasalla. Agora o ser humano cos transxénicos introdúcelle ás sementes un xene novo, doutra orixe moi diferente, e será imposíbel unha aceitación cordial, unha aclimatación natural. A natureza sábeo, son sementes que deixan de ser o que en esencia son, futuro. Pensemos no planeta Terra tamén como unha suma de seres humanos e non humanos que fan un ser vivo total, Gaia. Uns seres humanos evoluíndo polos seus camiños, outros polos seus, sen ter a conta as súas conexións cos outros seres humanos e non humanos, sen respeitar ritmos diferentes e intereses distintos, é un curtocircuíto que sabemos estalará. Dúas caras da mesma moeda que deberiamos recoñecer e facerlle fronte. Unha primeira medida, como se reclamará o sábado en Zaragoza, é a prohibición dos cultivos transxénicos como xa se fixo en varios países europeus. As outras medidas dependerán de cada unha desas unidades racionais de Gaia.
Gustavo Duch Guillot, VSF
Publicado en El Periódico de Aragón





