Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Saturday
Feb 04th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Opinión Opinión Cazando bolboretas

Cazando bolboretas

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 

embiciNun dos brillantes ensaios recollidos en El pulgar del panda, Stephen Jay Gould explica como o sociólogo K. Merton demostra que case a totalidade das grandes ideas xorden máis dunha vez, independentemente e, a miúdo, virtualmente ao mesmo tempo. A maior parte das grandes ideas -explica- están no aire, e hai varios estudosos axitando o seu cazabolboretas simultaneamente. O caso máis coñecido é seguramente o de Darwin e Wallace coas súas teorías evolutivas simultáneas.

Ó meu entender nestes momentos en dous continentes diferentes estanse despregando dúas teorías, dous novos de- seños de sociedade, certamente moi similares. Refírome ó "decrecemento" que xorde inicialmente desde propostas europeas e ó "bo vivir" orixinario de comunidades indíxenas nos países andinos. Ambas atópanse nunha fase de desenvolvemento adolescente e adoptan características propias desa idade. Por unha banda o rexeitamento a unha orde establecida, unha negación, un liberarse das antigas ideas para poder concibir as novas: ambas as teorías propugnan abandonar e arrecunchar o modelo de crecemento económico continuo que se demostra imposible, insostible e na orixe das inxustizas. E doutra banda nese facerse maiores -como explica o filósofo Maurice Bellet- abandónanse os desexos impulsivos do "todo o que desexamos, terémolo" para deixar de lado a trampa capitalista que nos mantén prisioneiros.

Falando de "decrecemento" paradoxalmente, como poden observar, estamos falando dun crecemento como individuos e como sociedade. Na medida que sexamos capaces de substituír os valores dominantes do cada vez máis, cada vez máis rápido, etc. teremos tempo e espazo para rescatar valores humanistas de igualdade, harmonía coa natureza ou simplicidade, que forxarán un "bo vivir" colectivo. E neste sentido mentres que en Europa o decrecemento é só un tema de reflexión en ámbitos altermundialistas parece que os países andinos iniciaron xa o estirón propio da idade. O Bo Vivir en quechua, Sumak Kawsay, aparece na Constitución ecuatoriana de 2008 e o Vivir Ben en aimara, Suma Qamaña, na boliviana de 2009 como ideais ós que o Estado debe responder e procurar alcanzar. A piques de emprender o voo.

 

Gustavo Duch Guillot

Fonte: Galicia Hoxe