Que a túa filla te reclame tras un pesadelo en plena noite e ti acudas xunto á súa cama e a arroles e susurrando que non pasa nada ela acougue e volte durmir, iso é ser poderoso. Que poidas dicirlle que non ao tipo que che pide o que non se debe pedir, iso é o poder. Que un amigo se desmorone cando un día calquera lle preguntas como lle vai e despois de chorar diga que se atopa mellor e que oxalá cho tivera contado antes, iso é ser poderoso.
Que os teus planos de futuro sexan sinxelos e iso che faga feliz, iso é ter poder. Que lle poidas dicir á túa parella, despois de moitos anos, que non farías nada sen el, a pesar de todas as zozobras, iso é ser poderoso. Que botes a vista atrás de cando en vez e non atopes cadáveres no camiño, producidos por ti, iso é ser poderoso de verdade.
Se cadra algúns cren aínda que o poder é outra cousa, o que nos explican desde as atalaias, as ambicións grandiosas, os postazos de responsabilidade desde os que cun clic se poden tomar enormes decisións. Pero é mintira. O poder é sentir que a túa baldosa está limpa, que os demais te ollan sen demasiadas reticencias, que podes aguantar a mirada sen baixala con boa parte do mundo. O poder é non ter que putear a ninguén para estar onde estás. Ser poderoso é que ante a pregunta: chegado o momento, quen te agacharia? Ti poidas atopar, rotundamente, un nome e unha casa. Iso é o poder e todo o demais son contos.
Fonte. ADN





