Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Thursday
Feb 09th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Opinión Opinión Cando o lixo non existía

Cando o lixo non existía

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 

lixoHai xa cousa dun mes fun ao supermercado onde adoito abastecerme e levei a grata sorpresa de que aqueles feixes de bolsas de plástico que tan pouco escatimaban as caixeiras desapareceran, habendo no seu sitio, para quen as quixese aboar, unhas feitas seica de fécula de tubérculo e outras moito máis completas, coa forma clásica das bolsas da compra de antes. Foi esa asociación, esa semellanza destas con aquelas, a que me levou á evocación do meu pasado remoto, chegando á conclusión de que na miña infancia non existía o lixo.

Lembro que naquelas casas de cidade dos 60 en Lugo, había mulleres, amas de casa en exclusiva a maioría, que tiñan pendurada a bolsa da compra no colgadoiro que sempre había pé da porta ou na súa mesma cara interior. Estaba a man, porque aquela bolsa saía todos os días pendurada do brazo da súa dona que indefectibelmente levaba na outra man a típica carteira con pechadura de boquilla. Cando aquela bolsa regresaba do mercado, todos os produtos que traía viñan ou soltos nela ou en envases de papel. Como daquela todas as casas estaban provistas desas cociñas de ferro que entón se daban en chamar económicas ou bilbaínas, o papel envolvente era reutilizado para prender o lume suplantando unha caroza e calquera reboutallo capaz de arder era considerado digno acompañante dos toros de carballo ou do carbón de granza que adoitaban servir a domicilio os almacéns.

Lugo foi ata moi pouco unha cidade rural, ata o punto de que nese tempo que falo aínda os vendedores de toxo entraban dentro de murallas para que a xente puidese estrar as cortes, que eran porcinas sobre todo. Así pois, o que hoxe entendemos por residuos orgánicos era o que antes a xente chamaba lavadura e alguén viña todas as semanas á nosa casa a recollelos para alimentar con eles os seus ranchos. E cando os desperdicios non estaban na dieta do animal (restos de peixe, cascas de marisco, etc.), levábaos igualmente ou para o michiño ou para estercar a terra.

Verbo do vidro, lembro que todos os cascos, fosen de gasosas ou de cervexas había que restituílos e que eu ía ao viño para os meus maiores a un bodegón cun garrafón de catro litros. Lembro incluso que os primeiros iogures viñan envasados en cristal (a marca Rueda de Lugo acadara importante sona) e tamén había que devolver os vasiños baleiros.

Así pois, na miña vida o lixo tivo un principio. Espero que este sexa o principio do final.

 

Isidro Novo

Publicado en Galicia Hoxe