Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Tuesday
May 22nd
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Quen somos?

Que é Consomes ou Devoras?

Correo-e Imprimir PDF
Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 

Todo comezou cun mercadillo de troco...

20070414_0317...Unha experiencia que Verdegaia botou a andar en Compostela no Outono de 2006, fruito do contacto con Ecologistas en Acción, coa súa Área de Educación Ambiental máis concretamente. Había que contextualizar o mercadillo, encadralo no ideario de Verdegaia en xeral e a respeito do consumo responsábel. Había que chamar a atención, convidar á reflexión, explicar dun modo sinxelo a nosa posición. A resposta foi un pequeno tríptico e un lema: Consomes ou Devoras?.

O mercadillo consolidouse e foi impulsado noutros lugares, pero o consumo responsábel é muito máis do que un mercadillo de troco, o pequeno tríptico pedía a berros unha Guía de Consumo e aquel lema estimulaba a nosa imaxinación. Así foi que se lle comezou a dar forma a Consomes ou Devoras? como programa e nasceu un grupo de traballo.

A Guía de Consumo non debería ser a típica compilación de “consellos verdes” senón unha ferramenta para a reflexión e a acción, unha fonte de información que oferecese a calquer persoa interesada unhas instrucións básicas, unhas coordenadas para se orientar á hora de consumir. Mais, e os consellos concretos, non se ían dar? E as dúbidas, como se podían solucionar? E a información actualizada?...

A guía non foi pensada e redactada como algo isolado, facía parte dunha campaña e tería un importante complemento: un sitio web impulsado por Verdegaia diferente do propio web da asociación, un web dedicado só ao consumo responsábel. Era necesario non só para oferecer consellos concretos ou para procurar esclarecer dúbidas, non só para achegar información actualizada... senón para facer movimento, para fomentar a participación, para xerar sinerxías con outras iniciativas.

Porque o consumo responsábel non é só un mercadillo de troco, nen só unha compilación máis ou menos completa de “eco-consellos”, cando menos non para Verdegaia. O consumo responsábel é parte do exercicio dunha cidadanía responsábel e non se debe limitar ao ámbito persoal e privado senón que se debe organizar colectivamente e transcender publicamente.

coud_verdegaiaO consumo responsábel non é a “solución total” mais si unha ferramenta importante. Verdegaia nasceu apostando por contribuír para avanzar na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, e nesta misión ten muito que dicer o consumo responsábel, tanto á hora de denunciar o destrutivo sistema do que facemos parte como para procurar e construír alternativas que nos permitan superalo. O consumo responsábel é parte indispensábel do traballo de procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global (e á enerxética, financeira, alimentar...).

Denunciar e construír, aportar o que está na nosa mao para podermos viver sen destruír o planeta e o futuro... e facelo sabendo que non somos os únicos a traballar nisto nen muito menos, que cumpre xerar sinerxías, que xa hai iniciativas en marcha que é necesario difundir e reforzar, que debemos sumar xente, ideas e esforzos favorecendo a tan necesaria autoorganización cidadá...

Por iso Consomes ou Devoras? aspira a ser lugar de encontro para persoas e organizacións que, ademais de procurar contribuír para o avanzo da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social cos seus hábitos privados, acreditan na necesidade de promover unha transformación social e mundial, económica e política, nese mesmo sentido. Por iso en Consomes ou Devoras? conflúen análise, sensibilización e presión/mobilización, mais tamén desenvolvimento de alternativas e apoio ás xa existentes.

Neste web poderás consultar e descarregar a Guía de Consumo; reflexionar sobre as consecuencias dos nosos hábitos, das políticas aprobadas polos nosos gobernantes e das prácticas de diversas empresas; comprobar cómo a publicidade se apropia dos discursos alternativos, xera frustración e empurra ao consumismo; perguntar e propor... Esperamos que che sexa útil, te impliques e o difundas.

Podemos construír soberanía alimentar e autosuficiencia enerxética baseada en renovábeis, podemos atinxir o resíduo cero, podemos reducir a nosa pegada e débeda ecolóxica, podemos viver sen devorar o planeta e o futuro... Que esta pergunta se espalle: Consomes ou Devoras?

 

 

Tes algo que contar?

20070414_0333

Algún consello, unha opinión? Contacta connosco para publicar o que consideres de interese.