
En marzo do pasado ano comezaron as obras de construción da planta incineradora de Zubieta, destinada a xestionar os residuos de toda a provincia, particularmente os da capital, Donostia, da que se sitúa a escasos quilómetros. A iniciativa espertou a protesta cidadá, e de forzas políticas como Bildu, Aralar ou Alternatiba, tanto polos prexuízos directos que podía causar na zona, como polo modelo de xestión de residuos escollido, que consegue a recuperación de menos do trinta por cento do lixo, no mellor dos casos. A planta tiña prevista a súa entrada en funcionamento en 2014, pero a vitoria electoral de Bildu nos comicios locais e forais de maio cambiou todo, ao facer co goberno da capital da provincia e das Xuntas Xerais de Guipúscoa.
Algúns concellos como Usurbil, Hernani, Oiartzun e Antzuola apostaron de inmediato polo sistema alternativo de recollida porta a porta dos residuos, e a semana pasada uníronse a esta iniciativa outros 34, entre eles Pasaia, Arrasate, Tolosa, Legazpi, Azpeitia, Bergara, Villabona, Zarautz ou Oñati, gobernados por Bildu. Este sistema, fronte á incineración ou a compostaxe, consegue a recuperación do 80% dos materiais e é defendido por distintas plataformas e colectivos en todo o Estado, por exemplo en Catalunya. En Catalunya máis de oitenta concellos xa funcionan con este sistema.





