O márketing incúlcalles aos proxenitores a obsesión pola asepsia, que vincula co bo coidado, porque os pequenos son hoxe un dos nichos de mercado máis saborosos. Pero o baño dos cativos contén até quince fragrancias alérxicas comúns e o uso diario destes produtos aumentou un 20% as dermatites e a asma, segundo un estudo da USC. "Lavar todos os días o neno con xabón é un disparate", asegura o pediatra
Roi, que ule a lavanda e usa hidratante, entra no berce co pelo limpo de xampú. É o ritual diario. No andel do cuarto de baño hai oito ou dez frascos con aspecto infantil. O máis probábel é que todos conteñan algunha das até quince fragrancias alerxénicas máis comúns incluídas nos produtos de coidado persoal, descubertas pola Universidade de Santiago de Compostela. Segundo as últimas investigacións da USC estas substanticas químicas están detrás do aumento dun 20% das dermatites atópicas e da asma nos bebés.
Na opinión de María LLompart, profesora do departamento de química analítica, nuitrición e ciencias da saúde da USC e coautora do traballo, que publica a revista Analytical and Bioanalytical Chemistry, a presenza e niveis destes axentes nas augas de baño debería ser un motivo de preocupación tendo en conta que non é infrecuente que os bebés permanezan até vinte minutos máis xogando cada día no baño, e que as vías de exposición a estes e outros ingredientes químicos non se limitan á absorción dérmica -a pel dun neno é até cinco veces máis fina que a dun adulto-, senón tamén á inhalación, e a miúdo, á inxestión, intencionada ou non.
Dos quince compostos analizados, os científicos atoparon polo menos seis en todas as mostras, e nalgúns casos en concentracións moi altas. Entre as substancias detectadas áchanse o salicilato de bencilo, o benzoato de bencilo, o linalol, a cumarina e o hidroxicitronelal.Un dos axentes químicos utilizados nos produtos de cosmética e aseo persoal, o metileuxenol, tamén pertencente ao grupo destas fragrancias, prohibiuse no ano 2002 logo de probarse en animais que podía ter efectos canceríxenos. Unha proba de que a lexislación vai en moitos casos por detrás dos estudos científicos.
A normativa europea establece que deben ser indicados na etiqueta do produto sempre que o seu nivel exceda un certo valor (0,1 ou 0,01%, segundo o tipo de composto), pero moitos expertos consideran que estes límites son demasiado tolerantes, especialmente en produtos destinados á hixiene e coidado dos bebés e dos nenos.
Baby boom, crise económica e ausencia de tempo
A repunta da natalidade dos últimos dous anos converteu os bebés en gorentoso obxectivo dos fabricantes. Se a isto se lle engade o escaso tempo do que dispoñen nais e pais para o coidado dos fillos, en palabras do pediatra, "a presión da industria faise insoportábel". "A asepsia está por todas as partes, os grandes almacéns están cheos de cestas para bebés e, ao final, dáche a sensación de que ao neno hai que poñerlle algo, algunha colonia, algún aceite, algo, porque se non estalo a descoidar".
Segundo a empresa TNS BabyPanel, o único estudo continuo especialista no target de 0 a 36 meses, a perfumería infantil xunto cos cueiros son os sectores que gañan máis forza. Os fogares invisten unha media de 102 euros anuais en cosmética para bebés. As toalliñas levan a palma, pois supoñen case o 50% do gasto, seguido do xel de baño, que implica o 10%. "É certo que algunhas dermatites de cueiro melloraron coa nova tecnoloxía de usar e tirar, pero non parece moi razoábel que o 70% do lixo dunha casa o produza o pis dun neno", engade García-Tornel, "entendo que os pais de hoxe carecen de tempo para usar os cueiros de toda a vida, que eu recomendo, de modo que a industria debería crear un cueiro lavábel mellor confeccionado que os de antano, de modo que o gasto tamén diminuira". O pediatra apela á sensatez dos proxenitores e critica á industria para introducir racionalidade nun asunto pouco banal. "É o que vén dicir a teoría hixienista, o delirio aséptico dos países desenvolvidos trouxo asma e alerxias".
A tendencia a evitar calquera contacto dos nenos con estímulos microbianos, bacterianos e virais, foi positivo en moitos aspectos porque preveu infeccións que hai anos provocaban unha alta mortalidade infantil, pero noutros resultou negativo. O sistema inmune non se desenvolve como debería e non aprende a actuar correctamente ante as diferentes interferencias externas, sexan patóxenas ou non.
"O día que aparceu o primeiro bebé nun anuncio, fixémola boa, todas as familias comezaron a deixar de querer ser como os seus antepasados e parecerse máis ao que saía na pantalla", chancea o doutor. "Non sei se eu mesmo acabarei maquillándome, o mercado é tan insidioso...".
Fonte: Galicia-Hoxe





