Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Friday
Feb 10th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Textil Novas A Campaña Roupa Limpa non asiste á Xunta de Accionistas de Inditex ante a falta de avanzos reais

A Campaña Roupa Limpa non asiste á Xunta de Accionistas de Inditex ante a falta de avanzos reais

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 
inditexA Campaña Roupa Limpa, que leva asistindo oito anos á Xunta de Accionistas do Grupo Inditex, decidiu non volver asistir de forma sistemática á mesma ante os poucos avances reais da multinacional do téxtil a favor do cumprimento dos dereitos laborais en toda a cadea de fornezo. E polo tanto, non asistiu á que se realizou martes 14 de Xullo en Arteixo.
  • Inditex aumenta até 75% os provedores dos países máis pobres do mundo como Bangladesh
  • 8 casos con mortos por accidentes, acoso, abusos laborais en menos de 3 anos.
  • Se se dobrasen os salarios o prezo final só aumentaría en 1,50 euros

Aínda que a Campaña valorou positivamente iniciativas pontuais da multinacional ante situacións de violación dos dereitos laborais -como é a indemnización ás vítimas do derrubamento da fábrica Spectrum en Bangladesh ou a restitución do traballo ás e os obreiros de Camboia-, constatamos que a empresa só responde a casos concretos se existe a posibilidade de que estes cheguen á luz pública.

A realidade é que todos os anos xurden casos nas fábricas deslocalizadas de acoso, de despedimento, de abusos laborais, nos que Inditex, en maior ou menor medida, é unha das marcas involucradas. A Campaña Roupa Limpa ten traballado en 8 casos en pouco máis de 3 anos respondendo á chamada de organizacións de traballadoras e traballadores de países como Turquía, Camboia ou Bangladesh.

Isto significa que non houbo unha modificación substancial no seu modelo de negocio que axude a mellorar as condicións laborais na súa cadea de produción e, concretamente, nos seus provedores dos países empobrecidos. Algo que viñemos demandando en todas as Xuntas de Accionistas con preguntas que nunca foron contestadas satisfactoriamente.

E de feito, segundo a súa memoria, podemos ver como aumentou un 10% os casos de graves violacións de dereitos laborais, principalmente en Asia no último ano. Estamos falando de case 300 fábricas das cales 152 son de grave incumprimento.

Deterioro das condicións laborais

No último ano, Inditex aumentou a súa produción e número de provedores nalgúns dos países máis pobres da súa cadea de fornezo, como Bangladesh (un 75% respecto de 2007 cun total de 212.000 persoas que traballan na cadea de Inditex só no área de Dhaka), e na India (un 66% respecto de 2007) ou países como Camboia, Indonesia ou Vietnam onde se caracterizan non só polos seus baixos salarios senón pola súa debilidade institucional e/ou por grandes dificultades para garantir as liberdades sindicais e o dereito de asociación.

O alto volume de produción e o elevado número de persoas que traballan para Inditex en determinados países deberíase traducir en capacidade de influencia e manobra no sector dirixidas a garantir unhas condicións dignas de traballo (na área de Tánxer un de cada dous traballadores do téxtil, traballa en fábricas que producen para Inditex).

O modelo de redución de custos laborais que caracteriza a esta e a outras grandes transnacionais provocou unha carreira cara á precariedade que non axudou a mellorar as condicións laborais e salariais e moito menos a facilitar a organización sindical ou a negociación colectiva, senón todo o contrario. A competencia entre países por ofrecer as mellores condicións ao investimento estranxeiro e á produción para as grandes firmas provocou un deterioro progresivo dos xa precarios mercados laborais.

É inmoral os beneficios desta empresa cando os salarios son de miseria

Se esta situación xa era grave en situación de economía global considerada "próspera", coa actual crise a situación é crítica nestes momentos.

En Bangladesh decenas de miles de traballadoras e traballadores tiveron que saír á rúa na última semana para protestar polos recortes dos seus xa de seu paupérrimos salarios e pola situación insostible de explotación que están sufrindo. As revoltas cobráronse xa a vida de dous traballadores. Mentres, "os exportadores de roupa bengalís lamentan que desde que comezou a recesión viron reducir o prezo que se lles paga pola roupa nun 10%". Neste país, o salario mínimo non chega aos 25 euros mensais cando a cantidade necesaria para vivir dignamente calcúlase que deberían alcanzar os 108 euros mensais.

Os custos laborais representan unha parte tan pequena do prezo final dunha peza de roupa que até aínda que se dobrasen os salarios, o prezo de venda só aumentaría lixeiramente. Por exemplo no caso das camisetas, os custos laborais só supoñen entre un 0,5% e un 3% do prezo de venda; isto significa que se se dobrasen os salarios, o prezo da camiseta pasaría de 44€ a 45,4€. Contodo, para as traballadoras o ver incrementado o seu salario marca a diferenza entre alimentar á súa familia 3 veces ao día, poder cubrir a sanidade e o colexio dos seus fillos e non facelo. Ademais, na lóxica económica actual este incremento probablemente sería trasladado ao consumidor/a.

Por iso resulta do todo insuficiente e é indecente, que se sigan pagando en todas estas fábricas salarios de miseria por baixo do mínimo que marcan as lexislacións nacionais, obríguense a realizar horas extras obrigatorias excesivas e elimínese o dereito de asociación ben sexa mediante represión e despedimento das traballadoras sindicadas ben sexa dirixindo a produción cara ás zonas francas. Mentres, falan de beneficios millonarios.

A garantía dun salario e condicións dignas é a garantía de saír da pobreza e o desenvolvemento das comunidades. As grandes marcas deben demostrar e garantir o cumprimento dos compromisos recollidos nos seus códigos de conduta e deben avanzar no establecemento de mecanismos a través dos cales se garanta o respecto aos dereitos humanos.

Desde a CRL consideramos que a crise global debería conducir a un replantexamento do modelo económico, permitir debater estratexias de desenvolvemento alternativas e mudar as regras de comercio. O novo escenario económico debería pasar pola construción dun marco produtivo que teña na base o respecto dos dereitos laborais.

A Campaña Roupa Limpa non descarta volver á Xunta de Accionistas de Inditex cando as investigacións concretas realizadas pola nosa rede así o requiran.

Fonte: Amarante