Consomes ou Devoras? Consumo responsábel, xusto e ecolóxico

Thursday
Feb 09th
Text size
  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
Home Textil Novas Amarante: A roupa de Eroski co selo de comercio xusto é unha fraude

Amarante: A roupa de Eroski co selo de comercio xusto é unha fraude

Avaliación do usuario: / 0
RuínMellor 

fairtradeAmarante-Setem vén de amosar o seu mal-estar polo acordo entre o selo Fairtrade-Comercio Xusto e o grupo Eroski, segundo o cal esta empresa comercializará roupa infantil de algodón biolóxico con certificado de comercio xusto. O selo Fairtrade é “un sistema internacional de certificación, que garante ás persoas consumidoras, a adquisición de produtos que cumpren criterios sociais, económicos e ambientais". Amarante entende que esta liña de roupa segue o mesmo proceso industrial que as demais liñas de roupa proveniente de China, Paquistán ou Bangladesh que Eroski comercializa, xa que se descoñece como e en que condicións laborais foi confeccionada.

Só se pode concibir roupa de comercio xusto cando produción, costura, ensamblaxe e planchado son xustos. A roupa non é a materia prima, senón o produto transformado. Falar de roupa de comercio xusto cando só o algodón —e non todo o proceso de elaboración da prenda— cumpre cos criterios da certificación, ademais de ser unha vía de posible lavado de imaxe das empresas, é publicidade enganosa e unha fraude ás persoas consumidoras, segundo Amarante.

A organización galega de solidariedade para o ecodesenvolvimento lembra que Eroski —que estivo vinculado a un caso de violación  de dereitos laborais nunha subcontrata que producía roupa en Bangladesh— menciona que leva varios anos a promover o comercio xusto e o consumo responsable pero dentro da súa política de RSC non hai nengún tipo de información sobre as garantías nas condicións laborais de elaboración dos seus produtos, e menos no téxtil.

Por estes motivos, Amarante solicita á asociación do selo Fairtrade-Comercio Xusto que non se outorguen licenzas de utilización do selo de algodón de CX a empresas de roupa ou empresas de distribución se non vai acompañado dun maior nivel de esixencia que asegure o cumprimento dos estándares laborais en todos os treitos de elaboración das pezas, exixindo a retirada do selo neste caso concreto. Defende que en nengún caso se debería dar a entender que o selo de algodón orgánico de Comercio Xusto ofrece plenas garantías de cumprimento dos estándares laborais internacionais na confección da peza e asegura que non é posible acreditar como xusta unha prenda de vestir se non se fai unha trazabilidade xusta non só da orixe e a venda, senón do proceso produtivo xeral.

Amarante-Setem leva tempo a manter unha actitude crítica coa evolución do selo FLO pola imposición dunha dinámica tendente a aumentar as certificacións  no canto de a defender os direitos das pequenas cooperativas de produtores e produtoras e do comercio xusto, como alternativa de denuncia ao modelo de comercio que impulsan as transnacionais.

En canto a Eroski —tal e como xa se ven solicitando dende hai moito tempo ás empresas deslocalizadas por parte da Campaña Roupa Limpa en Galicia— Amarante solicita que  tome medidas efectivas, que abranxan todas as súas liñas e toda a cadea produtiva, para combater a explotación e velar polos direitos laborais. Esta empresa como vendedora dun produto transformado ten que garantir salarios dignos, pagamento das horas extras traballadas, xornadas laborais acordes coa lei, descansos, maternidade e representación sindical.

Fonte: Amarante